Tras once anos escribindo unha columna diaria neste periódico, Vicente Araguas presentou onte na Galería Sargadelos o volume que escolma 150 das 3.500 feitos ao longo de más dunha década. En “Miudiño: Escolma 2001-2012” (Edicións Embora) o escritor nedense sintetiza un xénero que, nas súas palabras, “nos bos momentos pode ser como un poema como eran os artigos de Umbral ou o noso López Ramón”. Iso dixo na presentación que contou coa presenza do director de Embora, Francisco Rodríguez, e do xornalista de Diario de Ferrol Nicolás Vidal.
Como se dunha entrevista en directo e con público se tratase, o periodista e Araguas debullaron os segredos do libro. Entre os temas que trataron figuran as dificultades á hora de levar a cabo a selección do material, sobre o que o escritor asegurou: “podería haber no futuro máis volumes cos artigos que non entraron desta volta”.
O autor de “A canción do verán” falou das súas filias e fobias así como das relacións que escribir cada día un artigo fixera manter cos seus lectores de Ferrol e comarca, aspecto sobre o que relatou algunha divertida anécdota. Pola súa banda, Vidal despediu a Araguas destacando que “a paisaxe e paisanaxe de Ferrol e a súa comarca asoma polas páxinas destes pequenos textos escritos na súa maioría a seiscentos quilómetros de Ferrol pero que parecen redactados diariamente desde a praza do Callao”.