A Xunta acometerá obras de mellora en seis colexios e catro institutos da cidade

A Xunta acometerá obras de mellora en seis colexios e catro institutos da cidade
o xefe territorial, indalecio cabana, e martínez galdós visitaron o pavillón do cruceiro de canido

O paquete de actuacións posto en marcha polo Concello de Ferrol para o mantemento e conservación dos centros educativos da cidade –que precisamente botou a andar esta mesma semana coa reparación do pavillón do CEIP Cruceiro de Canido– verase complementado coas obras de mellora que ten previstas a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación.

Unhas intervencións que, tal e como se informou onte desde o consistorio local, beneficiarán a seis centros de Infantil e Primaria e a catro de Secundaria.

No que atinxe aos colexios, instalarase a carpintaría metálica nas fiestras do CEIP Recimil, o saneamento do Juan de Lángara, o peche do pavillón polideportivo do CEIP A Laxe de Valón e o do colexio Isaac Peral. Tamén se procederá á colocación de pasamanos de seguridade no Cruceiro de Canido ou á reparación da cuberta do San Xoán de Filgueira, un centro, por certo, que está a sufrir desde hai tempo importantes pingueiras que están a provocar moitos problemas, entre eles de humidades, no edificio de Primaria.

 

Ferrol vello

No que atinxe aos institutos, a Consellería de Educación ten previsto reparar e pintar a pista exterior do IES Ferrol Vello –cuxa deficiente situación era denunciada hai unhas semanas pola ANPA do centro–, a mellora do saneamento do IES Leixa, a renovación da baixada de aguas no IES Sofía Casanova ou o remate das obras de mellora da zona termal desenvolvidas no IES Ricardo Carballo Calero de Caranza.

Susana Martínez Galdós explicou que o plan de intervencións do goberno autonómico “é unha resposta ás demandas da comunidade educativa, así como unha mostra das excelentes relacións e da colaboración institucional entre Concello de Ferrol e Xunta de Galicia”.

Precisamente onte, e dentro desta liña de traballo conxunta, a concelleira de Educación e o xefe territorial da Consellería de Educación, Indalecio Cabana, visitaron dous dos centros que están a ser obxecto de obras de mellora por parte das dúas administracións, o Cruceiro de Canido e o Recimil, onde se están a arranxar o pavillón e a terraza, respectivamente.

Con respecto á primeira das obras, Martínez Galdós sinalou que esta mesma semana a instalación, que leva pechada por motivos de seguridade desde hai xa tres semanas debido as abundantes filtracións de auga, volverá estar a disposición da comunidade educativa así como das entidades deportivas que, fóra do horario escolar, fan uso delas. Como se lembrará, a dirección do centro decidiu clausurar toda actividade no recinto ata que o Concello non solucionase o problema. A actuación consiste na reparación da cuberta, que tiña grandes perforacións, e a limpeza dos sumidoiros.

 

A Xunta acometerá obras de mellora en seis colexios e catro institutos da cidade

Te puede interesar