O festival de comparsas de Ferrol concéntrase no Enterro da Sardiña

O festival de comparsas de Ferrol concéntrase no Enterro da Sardiña
carnaval ferrol

As comparsas actuarán en Ferrol o sábado 20 de febreiro, data na que a AVV de Ultramar organiza o Enterro da Sardiña, festa que levan adiante na entidade veciñal desde hai décadas. O Concello traslada a aportación económica que lles achegaba a estas agrupacións pola súa participación no desfile e festival do Martes de Entroido a esta data. Así, en lugar de actuar o 17 de febreiro nalgunha praza do centro (en Armas, Amboage ou incluso na praza de España) e días despois en Ultramar, como se viña facendo tradicionalmente, haberá unha única ocasión de ver ás comparsas, aínda que a cantidade que recibirán será a mesma, segundo aseguran fontes municipais.
Desde a concellería de Festas insisten en que non se mingua o Entroido de Ferrol senón que se mellora, posto que se programan novas actividades. “Non se quita o Entroido do centro, ó contrario”, afirma a edila Susana Martínez Galdós. “Imos organizar actividades o Martes desde as cinco da tarde, en coordinación cos hostaleiros, cun programa nas prazas que aínda está por pechar pero que incluirá obradoiros de maquillaxes e un gran festival destinado ós nenos e familias e coa intención de encher de xente a cidade”. Preguntada sobre se esta decisión afecta á esencia do Entroido, Martínez Galdós rexeita esta idea. “Non queremos esquecernos da esencia destas festas e as comparsas non van estar perxudicadas en ningún momento”, asegura. O cambio débese, explica, á intención de estender esta celebración polos barrios. “Ás veces hai que probar cousas novas, facer cambios e comprobar se son beneficiosos”, engade.
Así as cousas, os plans pasan por comezar o Entroido o venres 13 no barrio de Esteiro, cunha actuación da orquestra París de Noia; seguir o Martes de Entroido (día 17) cunha programación desde primeira hora da tarde destinada ás familias; e concluír o sábado 20 cun desfile de comparsas e actuación en Ultramar. Estase estudando, aínda que non está confirmado, que o pasarrúas poida saír desde algunha praza ou rúa do centro.
“Quero que quede moi claro que non suprimimos nada e que o que queremos é que outros barrios da cidade se beneficien, sen perxudicar ó centro e en colaboración coas asociacións”, puntualiza Martínez Galdós.

sorpresa
Para as comparsas que habitualmente participan no Entroido de Ferrol foi unha sorpresa a decisión de non facer festival o Martes e concentralo no Enterro da Sardiña, ó que xa acodían chamados pola AVV Ultramar. Na mañá de onte aínda non coñecían como se ía desenvolver o programa nin atopaban explicacións. “Xa non nos queren nin ver, o porqué non o sabemos. Quizais polos temas que lles cantamos”, comentaba o responsable dunha delas.
“Que non hai xente non nos vale como excusa, o que pasou o ano pasado foi un desastre organizativo e que ademais fixo mal tempo”, apuntaban desde outra comparsa.

oposición
O grupo municipal de Esquerda Unida xa expresou o seu rexeitamento á decisión de concentrar o festival de comparsas en Ultramar. Nun comunicado de prensa acusan ó goberno local de facer “un ataque preventivo ante as máis que xustificadas críticas que as diferentes comparsas verterán nas súas rimas”. Falan dun “boicot intencionado dunha festa senlleira na nosa cidade, laica e crítica cos gobernos, sexan do signo que sexan, a través da cultura popular”. Suso Basterrechea critica que este asunto non se tratase a fondo en comisión e que se decida arbitrariamente. 

O festival de comparsas de Ferrol concéntrase no Enterro da Sardiña

Te puede interesar