Fernando Fernández Rego | “Os actuais referentes non chegan aínda á magnitude de Andrés do Barro, Pucho Boedo ou Ana Kiro”

Fernando Fernández Rego | “Os actuais referentes non chegan aínda á magnitude de Andrés do Barro, Pucho Boedo ou Ana Kiro”
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-be882bf6

Autor de libros como “50 anos de pop, rock e malditismo na música galega”, “Galicia en clips” ou “Andrés do Barro. Saudade”, e administrador da páxina especializada La Fonoteca.net, o ferrolán Fernando Fernández Rego publica agora “Unha historia da música en Galicia. 1952-2018”. Fai “un intenso percorrido pola música galega desde os anos 50 ata a actualidade” tomando como partida “esas orquestras e conxuntos que pouco a pouco comezan a virar cara ao pop”.

Que imos atopar no libro? 

A idea do libro é centrarse fundamentalmente no pop, rock, punk e derivados, ademais de atender á canción de autor, desenvolvementos como o de Voces Ceibes ou o do Movemento Popular da Canción Galega, e tamén o jazz-rock e o folk cando este se asocia co rock dalgunha maneira ou coa electrónica xa na actualidade. O underground está moi presente. É estudado e explorado de maneira minuciosa e paixonal, tanto o dos anos 80 como o dos 90 e o da actualidade. Porque a contracultura e os movementos subterráneos foron en Galicia focos principais e vitais da súa historia musical, o xerme de grandes bandas e artistas. 

Cal é o enfoque?

A idea foi facer unha historia da cultura pop en Galicia dende os 50 ata a actualidade. Analizando os distintos escenarios sociopolíticos para entender a realidade que viviron os grupos durante a súa existencia. Sempre escoitando aos protagonistas, por iso son cruciais as máis de 250 entrevistas levadas a cabo, para facer un relato ameno e cercano plagado de anécdotas e historias contadas de primeira man.

A historia da música en Galicia, estaba por escribir?

Coido que, en xeral, na música galega, falta relato. Hai moitas historias por escribir. Era necesaria unha historia da música pop rock en Galicia que cubrise un amplo espectro. Por iso quixen facer este libro. Era unha espiña que tiña, este era o libro sobre música en Galicia que sempre imaxinei facer.

Se tivese que destacar algunha contribución, cal sería?

Houbo fitos moi importantes: a normalización do idioma, o impulso da música popular nos 80 (punk atlántico, Movida de Vigo, premovida), o bravú como movemento musical propio, a xénese do pop en galego con Andrés do Barro, o Galician Bizarre como grande fito do underground galego e desencadeante de moito do que veu despois a nivel subterráneo, o asociacionismo, o do it yourself e os colectivos actuais... Temos unha escena moi rica.

Ferrolterra ten unha presenza particular?

Ten, porque Ferrolterra é capital na historia da música en Galicia. Desde Los Zafiros nos anos 50, triunfando en Londres, a Los Player’s, Los Sprinters, Xoán Rubia, María Manoela e Andrés do Barro; pasando por Terminal Norte, Los Limones ou La Fonográfica General, escenas como a de Cedeira (Os Maruxa, Los Eternos…) ou grupos actuais como Bang 74, Carrero Bianco ou Quant, e colectivos como Ferror Records ou CGTH Records.

Temos asentado o prestixio de Voces Ceibes ou Do Barro pero, no máis próximo, hai referentes?

Sempre digo que é preciso renovar e actualizar os referentes, algo que non vai á velocidade que me gustaría. Os grandes seguen sendo Andrés do Barro, Pucho Boedo ou Ana Kiro. Os actuais non acadan todavía esa magnitude.

Está a escena musical galega “baixo o radar” ou ten a suficiente presenza pública?

A escena galega é sana, e coido que goza de boa saúde. Iso non quita que haxa moitas cousas que mellorar e que as políticas culturais en moitos casos deixen moito que desexar. Predomina moito o pan para hoxe e a fame para mañá, sobre todo nos festivais feitos baixo o abrigo das administracións.

Alguén que queira estar ao día, cara a onde ten que mirar?

A vangarda está en xente como Baiuca ou Mercedes Peón, pero fundamentalmente no underground. Por iso no libro é analizado con mimo. Posiblemente vivamos unha das épocas douradas da música galega, por cantidade e calidade.

Cal é o seu artista favorito?

Andrés do Barro é o máis grande. Niso coido que cada día estamos máis xente de acordo. De feito, poder escribir “Andrés do Barro: Saudade” (Lafonoteca, 2015) foi un soño cumplido.

De onde vén a súa dedicación a este campo, co tempo e traballo que esixe unha web como La Fonoteca, por exemplo?

Vivo a música con paixón desde os dez anos, co que coido que o de escribir sobre ela xurdiu de maneira natural. Levo anos colaborando en medios como a Rockdelux ou a Mondosonoro. Lafonoteca é unha loucura que facemos posible un grupo de entusiastas que co tempo somos xa máis que nada unha pequena familia.

Fáganos unha recomendación musical para o verán.

Recomendaría consumir música galega e apoiar a escena local. Sés, Mercedes Peón, Xabier Díaz, Baiuca, Los Eternos, Quant, Selvática, Chicharrón, Dois… hai decenas de grupos e artistas que sacaron recentemente grandes traballos.

Fernando Fernández Rego | “Os actuais referentes non chegan aínda á magnitude de Andrés do Barro, Pucho Boedo ou Ana Kiro”

Te puede interesar