O IES Canido, na final galega do Club de Debate tras gañar a fase de Outes

O IES Canido, na final galega do Club de Debate tras gañar a fase de Outes
Os estudantes participantes na proba do mércores en Outes, unha das tres sedes na que se desenvolveu a primeira fase do Club de Debate

O equipo do IES Canido converteuse o mércores no gañador dunha das fases zonais do Club de Debate, un proxecto para a dinamización lingüística entre a mocidade organizado por varios concellos galegos a raíz dun convenio asinado no ano 2014. A iniciativa busca contribuír o uso oral do galego e ofrecer recursos para a práctica e habilidades comunicativas e de relación interpersoal á vez que promove a reflexión e o intercambio de opinións.

Os estudantes do instituto ferrolán impuxéronse na final ao  grupo “As Sinerxéticas”, do IES Xulián de Magariños, de Negreira. Na competición tomaron parte outros dous grupos da cidade naval: un do IES Leixa, que concluíu na terceira posición, e outra formación do instituto de Canido (“A filial”), que foron cuartos. Entre a representación da comarca de Ferrolterra na cita incluíuse o CPI do Feal, de Narón.

Outros dous equipos de Outes e un de Negreira completaron a lista de participantes na cita desenvolvida en Outes. O mesmo mércores desenvolvéronse tamén, de forma simultánea, as outras fases zonais das que saíron os finalistas da proba autonómica que o vindeiro 16 de maio terá lugar en Santiago.

Nun dos grupos medíronse estudantes de Compostela, Ames e Teo; e no terceiro Pontevedra, Redondela e Rianxo. Todos tiveron que debater sobre a frase “É necesaria a monarquía no século XXI”, tanto a postura a favor como en contra.

Premios

Ademais de acadar o acceso para a fase final, os dous primeiros clasificados recibiron un premio de 500 euros e 300 euros, respectivamente. O vencedor da fase final poderá gozar dunha viaxe educativa cultural para 25 alumnos do centro escolar polo norte de Galicia ou Portugal.

A profesora do IES Canido, Carmen Cuesta, que xunto á tamén docente Marcela Ríos acompañaron aos estudantes a Outes, salienta a gran experiencia que para os estudantes do centro supón a participación nesta actividade. “Levo sete anos indo ao Club de Debate e para os rapaces e rapazas é unha experiencia marabillosa; implícanse moitísimo”, comentou.

Subliñou ademais que se trata dunha actividade fóra do horario lectivo, o que implica un importante esforzo por parte dos nenos e nenas. “O pasan moi ben e traballan con moito rigor. Os estudantes fan un traballo previo moi grande, levan argumentos con moitos datos para defender as súas posturas”, explica.

Por parte do Concello de Narón, a concelleira de Ensino Mercedes Taibo, desprazouse o mércores á proba de Outes para acompañar ao equipo naronés do CPI do Feal, do que salientou o bo traballo desenvolvido no marco desta iniciativa. “Trátase dun programa colectivo no que se incentiva aos participantes a falar en público, a amosar as súas dotes de oratoria e a empregar o galego oral e o pensamento crítico entre a mocidade, fomentando a diversidade de opinións”, indicou.

O IES Canido, na final galega do Club de Debate tras gañar a fase de Outes

Te puede interesar