Logo de tres cursos cun traballo adicado aos valores, o grupo de Dinamización da Biblioteca do colexio Isaac Peral embárcase no actual nun novo programa que, neste caso, ten a pintura como eixo fundamental. Baixo o título “Ferroleando polos lenzos” agóchase un proxecto que tamén nace coa intención de prolongarse durante varios anos coa intención de ir dando a coñecer as diferentes facetas culturais da cidade ferrolá e da comarca.
As obras de pintores locais servirán como punto de partida para traballar diferentes aspectos, desde o puramente artístico e plástico, ata o histórico ou o narrativo. Para iso, propóñense diferentes actividades, que irán desde as visitas a diferentes exposicións que haxa na cidade, ata a lectura de obras cuxa trama principal estea relacionada coa arte pictórica.
Así mesmo, achegaranse ata o centro educativo pintores, ilustradores e escritores para falar do seu traballo e obras aos escolares. Desde o centro tamén se pediu a colaboración das familias, convidándoas a visitar cos seus fillos algunhas das mostras que se vaian celebrando. Así, entre as inauguradas no mes de outubro, propuxéronse a de “People like us”, de Eduardo Hermida –promotor, entre outros proxectos, das Meninas de Canido–, e a de Imeldo Corral, un importante pintor ferrolán do sécuculo XX.
Do que se trata, en definitiva, tal e como explicou a coordinadora do equipo de Biblioteca, María Dolores López, é de fomentar a lectura entre os escolares, neste caso, a través da arte.