Logo da intensa xornada de onte, os fungos e cogomelos seguirán sendo hoxe os protagonistas nas Pontes co gallo da tradicional feira dedicada a estas especies, que este ano celebra a súa trixésima edición. O certame de cestas abrirá esta mañá o calendario de citas previstas, entre as que se inclúe, ás 12.00 horas, o espectáculo infantil de Uxía Lambona e a Banda Molona. Ás 13.30 horas, na Carpa da Música da Praza de América, haberá unha sesión vermú a cargo da formación The Sar Swing Quartes. Durante a actuación, os asistentes poderán aprender, cos grupos Swing Jazz Lugo e Compostela Swing, pasos de baile deste estilo.
Entre as 12.30 e 15.30 horas servirase na carpa instalada no colexio de Santa María –tamén se poderá levar– o menú degustación, que será elaborado polo cociñeiro Antonio Díaz e cuxo prezo será de doce euros. Estará formado por dous pratos e unha sobremesa, cos fungos e cogomelos como intredientes principais. Os billetes estarán á venda desde as 11.30 horas na caseta de información da feira.
Carlos Blanco
A cita micolóxica rematará co espectáculo “Monólogos” do recoñecido actor galego Carlos Blanco. Será ás 18.30 horas no Auditorio do cine Alovie.
Ademais, durante todo o día, estarán dispoñible ao público unha mostra e puntos de venda de produtos ecolóxicos; unha zona destinada a artesanía e alimentación; ou o mercado de oportunidades Vila das Pontes.