O primeiro día de sesións, do que se falou na anterior entrega, tivo un desenvolvemento cando menos máis axitado do previsto.
O corresponsal de El Orzán, despois de resumir o sucedido (“Las sesiones de hoy. - Discusiones y alborotos. - Asembleístas que se retiran. - Final tumultuoso”) comezaba a súa crónica informando de que as sesións do sábado, presididas por Antón Villar Ponte, “abundaron en ruidosos incidentes”. Segundo refire, os primeiros alborotos producíranse por mor dunha “violentísima discusión” sobre as relacións que habían ter os nacionalistas cos afiliados dos partidos turnantes.
Indica que houbo outra “violentísima polémica” cando se debateu sobre se o nacionalismo había ser ou non confesional. Como consecuencia diso, realizouse unha votación e aprobouse, por grande maioría, non entrar a discutir a cuestión relixiosa. Isto motivou que marchasen do salón de actos da Económica dous frades e algúns segrares asembleístas, por non estaren conformes coa actitude da mesa nese asunto.
Informaba así mesmo de que o “millonésimo” incidente surxiu na discusión sobre se o programa máximo aprobado na Asemblea de Lugo era intanxible ou se, pola contra, era susceptible de modificacións. Ao preguntar sobre este asunto, facíase caso omiso das palabras –das que xa se falou– con que Peña Novo iniciara o seu discurso da sesión inaugural, nas que recordaba que o programa nacionalista galego, que se definira na primeira Asemblea de Lugo fora despois sancionado polas directivas de todas as “Irmandades d’a fala”, polo que non se ía discutir nesta segunda Asemblea de Compostela.
Pola magnitude do alboroto chegouse a pensar que se ía ter que suspender a sesión, o que finalmente non ocorreu. O presidente levantou a sesión ás 8 da noite, aínda que non se conseguira chegar a un acordo definitivo.
A crónica finalizaba subliñando que ás sesións asistira bastante concorrencia, se ben eran poucos os asembleístas e apuntando a que se temía que na sesión dominical se repetisen os incidentes.
Felizmente, como informaba o reporteiro de El Orzán do día 12 (“En Santiago / La Asamblea nacionalista / Conclusiones aprobadas”), as sospeitas de que a cousa non acabase ben non se cumpliron: “Pese a todos los augurios que hacían temer que la Asamblea organizada por los nacionalistas gallegos no pudiese terminar en paz, el domingo se puso remate a ella con la sesión de clausura”. Na sesión, non obstante, rexistráronse algúns incidentes, “pero la presidencia -neste caso Banet Fontenla- se impuso por la razón”, en palabras do corresponsal.
Pola súa parte, o compostelán El Noticiero Gallego / Diario de la mañana, do martes día 11, no solto “Asamblea Nacionalista Gallega” publicou unha ben ampla información dos actos do domingo. Comezaba dando conta de que na sesión matinal, que comezara ás 12 horas, había un predominio de estudantes e obreiros entre a concorrencia, ao tempo que facía constar a ausencia de moitos intelectuais que asistiran ás sesións do sábado.
Unha vez que se abriu a sesión, Villar Ponte, que actuaba de presidente, manifestou que ocupara o cargo accidentalmente, mentres non chegara Banet Fontenla, que pasou a presidir e, despois de saudar a concorrencia, deulle a palabra a Peña Novo, quen leu “un meditado y luminoso trabajo” sobre os Foros, “abogando por la libertad de la tierra y porque el cultivo de ella no cause esclavitud al labriego gallego”. A xuízo do reporteiro, trazou unha detallada historia dos Foros, desde as súas orixes ata o momento presente. Seguiuno no uso da palabra Arturo Noguerol, que abundou no tema, mostrándose partidario de que o Estado debería dar cartos aos labregos para axudalos na redención foral.
Unha vez que concluíu a intervención de Noguerol, Manuel María González –avogado republicano, que, en 1915, xa estreara no Principal de Santiago a peza teatral Antón de Freixide, e que tamén intervira o día anterior– pediu a palabra para unha cuestión previa, formulada nos termos de que se consignase “clara y paladinamente” la autonomía individual; que se suprimise do manifesto da Asemblea de Lugo o parágrafo no que se sustentaba a accidentalidade das formas de Goberno e no seu lugar se declarase a neutralidade política e que se engadise ao programa das Irmandades a neutralidade relixiosa.
O señor González, que se declarou republicano federal e fixo un grande eloxio do programa político de Pi i Margall, foi contestado por Culebras, Noguerol, Peña Novo, Quintanilla, Losada Diéguez e polo propio presidente da mesa, Banet Fontenla, para lle dicir que os nacionalistas galegos non foran á Asemblea a modificar o Programa Idearium de Lugo, senón a procurar puntos de coincidencia con xentes doutras ideas.
Manuel María González non ficou conforme e retrucou que mentres non houbese unha declaración franca e terminante sobre as cuestións que formulara, estaba convencido de que os republicanos, os socialistas e os sindicalistas galegos se poñerían fronte ás Irmandades da Fala. Quintanilla mostrouse conforme con el no referente á confesionalidade, mais como o interpelante insistía en introducilo no programa de Lugo, Peña Novo viuse obrigado a preguntarlle se, admitidos eses puntos, González se comprometía a que todos os republicanos, os socialista e os sindicalistas irían coas Irmandades. Contestoulle que só respondía por el e polos compañeiros da Xuventude Republicana de Santiago. Tamén obreiro dixo que tiña que falar por si e non en nome dos compañeiros porque non foran convocados á Asemblea. Despois dalgunha outra intervención o presidente tratou de conciliar as posturas e como non o conseguiu suspendeu o debate, o que motivou a marcha do señor González e os seus compañeiros.
Na sesión da tarde, que se iniciou ás cinco e finalizou ás oito e media, aprobáronse diferentes proposicións, como a da petición dun Banco de Exportación Galego para favorecer industrias como as conserveiras e de solicitar que os emigrantes residentes en América puidesen participar nas eleccións para deputados, presentadas ambas por Arturo Noguerol. Sobre a segunda, Peña Novo manifestou que iso estaba ben na teoría, mais que na práctica tería funestos resultados. Blanco Torres –que estivera en Cuba– tamén combateu a proposición. Sometida a votación aprobouse por 20 votos contra 2. Despois dalgunhas outras peticións, como a de Castelao para que se cambiase de ubicación a estatua de Montero Ríos, pasouse á votación das conclusións. Unha de Risco sobre que nos casos de redención foral forzosa non deberían ter dereito a indemnización tanto os que non fosen galegos como os que gastasen as rendas fóra de Galicia.
Outras de Blanco Torres, para que o pobo de Santiago se erixise en comisión permanente estética para evitar herexías artísticas; de Noguerol, para que se construísen miradores nos sitios pintorescos; de Losada Diéguez, para que se impedise a emigración da muller e para que se educase en condicións; de Quintanilla, para que a muller tivese os mesmos dereitos civís e políticos que o home; de Noguerol, para que a muller administrase os bens gananciais en ausencia do home; de Peña Novo, para que non tivesen validez as concesións de minas e saltos de auga cando transcorresen dez anos sen entrar en explotación; de Losada Diéguez, para que o catastro parcelario agrícola tivese en Galicia carácter especial; de Paz Andrade, para crear varias Escolas de Agricultura en Galicia. Por último, que se cooperase ao Centenario de Concepción Arenal publicando un libro dedicado a tan eminente pensadora para ser repartido profusamente por Galicia.
A Asemblea finalizou con discursos de Banet, Castelao e Gil Casares, animando a todos os galegos a traballar polo engrandecemento e prosperidade do chan galego. l