Canido cubrirase de flores e moitas outras propostas lúdicas na Festa dos Maios

Canido cubrirase de flores e moitas outras propostas lúdicas na Festa dos Maios
diario de ferrol-9999-99-99-999-6e4dc8ef

As flores volverán cubrir un ano máis o barrio de Canido co gallo da celebración da Festa dos Maios, unha cita revitalizada nos últimos anos pola actual entidade veciñal e que, un ano máis, incluirá propostas para todos os públicos.


Aínda que xa desde hoxe os máis pequenos da casa poderán gozar das atraccións de festa ubicadas na Praza do Cemento, fronte ao Centro Cívico, o programa comezará mañá xoves neste último edificio coa inauguración, ás 17.00 horas, da exposición “Maquetas de Ferrol”, de Carlos Macías. Un cuarto de hora máis tarde será a quenda para a merendola interxeneracional que servirá de aperitivo aos intensos días de actividades no barrio ferrolán.
Venres


De novo no Centro Cívico, o venres terá lugar ás 17.00 horas unha serie de obradoiros de maios e arreglos florais, para ás 18.00 horas recibir a visita de Radio Filispín, para emitir desde este espazo.


Tamén ás seis da tarde, pero neste caso no Parque da Fenya, desenvolverase un contacontos, para pechar a xornada con música. Na praza do Cruceiro, ás 20.00 horas, actuará o grupo Aquelas e na da Auga, ás 21.30 horas, Las Antonias.


O sábado, a Festa dos Maios comezará no Centro Cívico ás 10.00 horas co obradoiro dos maios para ás 12.00 horas proceder á entrega de premios do V Certame Literario Escolar “Inventa unha flor”, organizado pola Asociación Sociocultural Muíño do Vento e que contou coa participación dos centros escolares do barrio.


Baixo o título “Rúas” desenvolverase, ás 17.00 horas e con saída do Centro Cívico, unha ruta itinerante cos cantos de taberna como protagonistas a cargo da Escola de Vaca e dirixida por Mos. No Parque de Fenya terá lugar ás 12.00 horas, varias “master class” abertas de zumba, pilates, tango, flamenco, etc. para continuar a actividade no devandito espazo ás 18.00 horas cunha actividade infantil.


Na praza da Auga, a actividade arrancará ás 13.00 horas cunha sesión vermú de Los Zares. A música continuará pola noite no mesmo lugar co concerto de Dude Can (21.30 horas) e o set de música house con Marcial Bescos a partir das 23.00 horas.


Outra sesión vermú será a que ás 14.30 horas ofrecerá El Chigri na Praza do Cruceiro, lugar no que ás 20.00 horas actuarán A Tribo das Flores e ás 22.00 horas un set de música retro.
Domingo


Chegarase así á última xornada, a do domingo, que espertará cunha batukada itinerante a partir das 11.00 horas. Desde esta hora e ata ás 13.00 horas, celebrarase a Feira das asociacións do barrio. Ás 12.00 horas, no Centro Cívico, realizaranse obradoiros infantís a cargo de Espazo Vivo –o custe é de cinco euros e hai que inscribirse de forma previa–.


Na Praza da Auga, haberá concerto da Banda de Música Ferrolán (12.00 horas), unha mostra de capoeira (13.00 horas) e unha sesión vermú con Quenindiole (14.00 horas).


O Toldo de Cáritas na Praza da Tafona; a sesión vermú de Maina Materia (14.00 horas) e un set de música (18.00) na Praza do Cruceiro; e a comida veciñal “Ocupa a rúa” (15.00 horas), precederán á xornada de xogos populares tradicionais a cargo de Ubuntu que terán como escenario o Parque Antón Varela e que servirán para pechar o intenso programa da Festa dos Maios.

Canido cubrirase de flores e moitas outras propostas lúdicas na Festa dos Maios

Te puede interesar