FeC e o BNG esixen ao goberno local que garanta nove bombeiros por quenda

FeC e o BNG esixen ao goberno local que garanta nove bombeiros por quenda
Os bombeiros tamén asumiron importantes funcións durante a pandemia de coronavirus | d.a.

Os bombeiros ferroláns denunciaban publicamente (no seu Facebook) esta fin de semana que a falta dos efectivos mínimos nas quendas fai que só poidan atender unha emerxencia á vez, co conseguinte risco. Onte mesmo insistían en que non é unha cuestión de facer máis horas extra senón de “escasez de persoal e desidia política”.

Ferrol en Común e o Bloque Nacionalista Galego recolleron a problemática dos bombeiros e emitiron senllos comunicados para esixir que se cumpra cuns servizos mínimos que inclúan polo menos nove efectivos por quenda.

“Son un colectivo fundamental na nosa cidade”, apunta a formación que lidera o exalcalde Jorge Suárez. “É facil de entender que necesitan contar con medios apropiados e con persoal suficiente, algo que o goberno local non ten en conta”, engaden. Explican que se recortou o persoal de garda por baixo dos servizos mínimos “por decisión unilateral e sen xustificación algunha”.

Ferrol en Común pídelle ao goberno local que “recapacite”, que garanta que haxa persoal para poder atender “dúas saídas simultáneas” e que “non poña en perigo este servizo, ao persoal que o exerce e, en consecuencia, á cidadanía de Ferrol”.

O Bloque Nacionalista Galego, pola súa parte, considera necesario “reforzar o cadro de persoal” e lembra que, xa que os bombeiros ferroláns están incluídos dentro do Consorcio Provincial, hai posibilidade de facer esta ampliación “se existe vontade para facelo e xustificalo”.

O BNG critica que se reduzan horas extras ao persoal sen incrementar o plantel, o que forzosamente “precariza o servizo, tal e como está a acontecer”.

Para o grupo de Iván Rivas, é necesario “mudar a forma de proceder” e mellorar os convenios existentes.

FeC e o BNG esixen ao goberno local que garanta nove bombeiros por quenda

Te puede interesar