“Tapéate Ferrol” apóiase na oferta gastronómica para “encher as rúas”

as rutas de pinchos –como a da semana pasada na rúa sol– proliferan por toda a comarca luis polo
|

O Concello márcase como obxectivo encher as rúas de Ferrol de animación. Esa é a base sobre a que traballan cando deseñan as propostas festivas (no verán, no Nadal ou, en datas próximas, no Entroido) e para conseguilo contan co apoio do sector hostaleiro, clave para lograr a excelencia turística. A nova iniciativa neste sentido é un concurso de tapas que, baixo o nome “Tapéate Ferrol”, levarase adiante entre os días 1 e 24 de marzo. Será unha maneira de “apoiar a un sector moi importante para a economía local e, ao mesmo tempo, que ten un papel fundamental na dinamización da cidade”, en palabras do alcalde, José Manuel Rey Varela.

Concello e hostalería convocan un certame de tapas con premios de clientes e de expertos

O Concello e a Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarca presentaron onte publicamente esta proposta, que vai dirixida a cafés, mesóns, bares e restaurantes, sen necesidade de que sexan socios da citada entidade. O único requisito que se lles pide para a inscrición é que presenten o nome e a receita da tapa que ofrecerán ós seus clientes, a un prezo fixado de antemán de dous euros, sen incluír a consumición. O prazo para solicitar a participación en “Tapéate Ferrol” está xa aberto e rematará o 20 de febreiro. Deben realizarse na sede da Asociación de Hostalería (rúa Real, 73-75, 2º dereita).

O concurso de tapas celebrarase entre os días 1 e 24 de marzo, de xoves a domingo (incluídos). Os clientes poderán votar os seus petiscos preferidos, e elixirán así as tres receitas gañadoras. Haberá premios de 400, 300 e 200 euros para os establecementos seleccionados. Ademais, tamén se establece un xurado de expertos que dará un premio especial de 600 euros. Estará formado polo xornalista Pepe Varela, o escritor gastronómico Miguel Vila e Alfonso González Pendás, de Casa Pendás.

Para incentivar a participación, sortearanse entre as persoas que desexen votar as súas tapas preferidas unha noite con almorzo e aluguer de bicicletas polas Fragas do Eume nun aloxamento rural en Monfero e tamén o paquete turístico “En tren polo Norte”, que inclúe aloxamento de dúas noites no hotel Vía Láctea (na Barqueira), ruta guiada polos cantís de Loiba e baixada pola ría do Barqueiro.

Rey Varela, que estivo acompañado na presentación da iniciativa polo concelleiro de Turismo, Diego Calvo, e polo secretario dos hostaleiros, Alfonso González Pendás, lembrou outras actividades feitas para revitalizar o sector comercial. Citou a I Ruta do Tapeo (en novembro de 2011), o I Plan Municipal de Dinamización do Comercio e a Hostalería ou as axudas incluídas dentro do plan Urban.

Diego Calvo falou dos esforzos da súa concellería por alentar un sector estratéxico para a cidade porque “desde o punto de vista turístico, é a faciana que se levan de Ferrol as persoas que nos visitan”. Tamén destacou que o certame anima a cidade xusto antes da Semana Santa.

“Tapéate Ferrol” apóiase na oferta gastronómica para “encher as rúas”