O CEIP San Xoán de Filgueira, na final do Premio a la Acción Magistral

O CEIP San Xoán de Filgueira, na final do Premio a la Acción Magistral
a proposta do centro ferrolán foi elixida entre máis de 400 que se presentaron en todo o estado d.alexandre

A aposta decidida pola educación en valores e a integración social que a dirección do CEIP San Xoán de Filgueira vén mantendo desde hai aproximadamente unha década a través dos proxectos educativos que desenvolve durante cada curso académico segue chamando a atención das instancias educativas autonómicas e estatais.
Se no ano 2008, o centro público recibiu o Premio Nacional de Buenas Prácticas de Convivencia do Ministerio de Educación, onte mesmo fíxose pública a súa selección para a final do Premio a la Acción Magistral 2013, convocado pola Fundación de Ayuda contra la Drogadicción –FAD–, a Comisión Nacional Española de Cooperación con la Unesco e mais o Banco Bilbao Vizcaya Argentaria. A Xunta, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, colabora nesta iniciativa que alcanza xa a súa novena edición e que pretende dar a coñecer propostas que traballen no establecemento de valores prosociais, contribúan a previr condutas de risco social e establecen marcos de interacción entre a escola e a familia.
O CEIP San Xoán accede á final estatal co proxecto educativo que desenvolveu ao longo do pasado curso e que estivo relacionado co cinema, en concreto ao papel integrador e inclusivo da sétima arte. A proposta do centro ferrolán –o único representante galego na categoría de Infantil e Primaria– ten como obxectivo “alcanzar a escolarización nun ambiente de convivencia, tolerancia e respecto polas diferenzas” nun entorno suburbano que acolle un 25% do alumnado de etnia xitana, un 8% de inmigrantes e un 32% de familias en situación de exclusión social.
Así, estruturouse o curso en diferentes subtemas que se traballaron en meses: o da muller, a interculturalidade, o libro, as Letras Galegas, as emocións, etc.
O eixo vertebrador do proxecto do CEIP dirixido por Marián López é a educación en valores e busca dar resposta á diversidade, respectando os dereitos de todos os colectivos e fornecendo os recursos necesarios para compensar as desigualdades, académicas e persoais, do alumnado e as súas familias.  
O galardón inclúe novidades nesta edición, como o “Premio especial del Maestro”, elixida por votación on-line, e a mención “Adelanta Familia”.

O CEIP San Xoán de Filgueira, na final do Premio a la Acción Magistral

Te puede interesar