Uns 4.500 alumnos pasaron por Ferrol nas sucesivas edicións do Proxecto Terra

A mostra permanecerá ata o domingo na Rúa Real, onde onte foi inaugurada daniel alexandre
|

Oito grandes prismas sucédense desde onte na rúa Real da cidade naval para dar forma á exposición conmemorativa dos 15 anos de vida do Proxecto Terra, unha iniciativa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) para contribuír a mellorar o coñecemento que os escolares deben ter da arquitectura e da identidade territorial galega.
“Procura ser un punto de encontro que contribúa a que o conxunto da cidadanía teña un mellor coñecemento de como ao longo do tempo se foi construíndo o país, alimentando a necesidade de reflexionar criticamente sobre o patrimonio construído”, salientan desde o COAG.
Na mostra preséntanse os últmos recursos educativos destinados aos estudantes: “Pagus. Galicia un país de paisaxes” dirixidos á Educación Secundaria e “Sabela e as zocas máxicas”, que será distribuído a partir do vindeiro setembro entre o alumnado de Infantil dos colexios galegos.
A publicación de Secundaria está composta por catorce paisaxes galegas, presentadas en dous volumes, o libro de alumnado e a guía do profesorado, e ten como maco de referencia os currículos educativos vixentes.
O libro infantil “Sabela e as zocas máxicas”, pola súa banda, narra o camiño da casa á escola da protagonista.
Os materiais elaborados no marco deste programa chegan gratuítamente á totalidade dos centros educativos, tanto públicos como concertados. Nestes anos de vida, e grazas ao financiamento da Xunta de Galicia, o proxecto desenvolveu 900 actividades complementarias, entre visitas guiadas de arquitectura e intercambios territoriais, nas que participaron 150 centros e 45.000 escolares.
A visita a Ferrol é unha das máis solicitadas entre os participantes, sobre todo cando o programa conta co apoio do Concello local, que sufraga os custes do paseo en lancha pola ría e o percorrido polo castelo de San Felipe –esta colaboración retomouse o curso pasado logo de varias edicións sen contar con fondos da administración local–.

actividades
Desde a súa posta en marcha, o Proxecto Terra desenvolveu na cidade naval unhas 100 actividades complementarias –entre as visitas dun día e os intercambios territoriais de dúas xornadas que inclúen tamén unha parada nas Fragas do Eume–. Nelas participaron uns 4.500 alumnos procedentes de centros de toda a comunidade galega.
No curso actual, foron arredor de 300 os que entre os meses de abril e maio tiveron a oportunidade de descubrir algúns dos máis singulares espazos da cidade.
A exposición permanecerá na rúa Real ata o vindeiro domingo 19, momento a partir do cual continuará coa súa itinerancia por outras localidades galegas.
A mostra foi inaugurada onte coa presenza do propio Rosales; o presidente da Delegación de Ferrol do Colexio de Arquitectos de Galicia, Ramón Montero; a concelleira de Urbanismo de Ferrol, María Fernández Lemos; e a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta, Encarnación Rivas.

Uns 4.500 alumnos pasaron por Ferrol nas sucesivas edicións do Proxecto Terra