Edítase “Ático”, o libro premiado de Arsenio Iglesias Pazos que ninguén quería publicar

Edítase “Ático”, o libro premiado de Arsenio Iglesias Pazos que ninguén quería publicar
Diario de Ferrol-2013-10-08-012-94038ef8

Aínda que non bata o récord de paseos por editoriais de, por exemplo, “A conxura dos necios”, o primeiro libro do escritor fenés  Arsenio Iglesias Pazos (Maniños, 1978) ten detrás un longo percorrido antes de que finalmente vise a luz hai unhas semanas. “Ático”, que así se chama o poemario, acadou no ano 2006 o premio Avelina Valladares do Concello da Estrada, un certame con case dúas décadas de traxectoria e premiado con 1.500 euros. O galardón ten un mérito engadido porque o seu novo autor apenas era lector de poesía ata pouco antes de presentarse ao certame.
“Todo comezou –lembra Arsenio desde Bilbao, cidade na que reside e traballa– por una amiga que me animou a participar nun obradoiro de literatura que puxo en marcha hai unha década Eduardo Estévez en Fene. Ata ese momento o máximo que eu escribía eran cartas e non lera completo ningún libro de poesía. Apenas un ano despois xa gañaba un premio de narrativa, o ‘Francisco Fernández del Riego’ e despois chegou o recoñecemento por ‘Ático’ na Estrada”. Lembrando esa transformación, Arsenio bota a vista atrás: “O valor principal do obradoiro era que ti escribías e logo todos comentabamos os textos, había unha dinámica de retroalimentación na que se falaba do teu traballo e ti tiñas que facer un exercicio crítico co traballo dos demais. Foi un estímulo inmenso para desenvolver a capacidade crítica e o gusto”.
En 2006, Iglesias acada o X Premio Avelina Valladares do Concello da Estrada, un galardón consolidado, que entre as vantaxes tiña a de publicar as obras vencedoras. “Ata ese momento todos os textos que foran premiados tiveron edición, a través do selo Fervenza, pero a miña seique estaba gafada. Ao ano seguinte ao premio houbo un cambio de goberno no Concello e o libro non se publicou. Non sei se é que non lles gustou pero despois dun par de anos me dixeron que non o ían editar. Curiosamente o premio literario non só non desapareceu senón que ao ano seguinte pasou de 1.500 a 2.000 euros de contía económica, aínda que na actualidade rebaixouse a 1.000 euros”.

aquí e acolá
O caso é que Iglesias insistiu en mover por outro lado o seu “Ático” e a esperanza estaba nunha das referencias editoriais da poesía galega: Espiral Maior. “Desde alí interesáronse moito no texto e o ían publicar, algo que para min era o máximo coas referencias literarias, de Ferrín a Rivas, do catálogo. Incluso chegaron a facer a portada, galeradas e anunciaron a aparición do poemario. Finalmente un problema económico fixo que o libro non se editase. Así que seguín movendo o traballo”. Tras varios intentos, o texto caeu nas mans de Edicións Positivas. “Aínda que non as tiña todas comigo, ao final foron eles quen máis interese demostraron e o libro xa está na rúa, con inmenso alivio pola miña parte”.
En canto a “Ático”, Iglesias sinala que o que intentou foi “facer una poesía onde non hai nin rimas, nin metáforas ou imaxes. Gústame centrarme en escenas cotiás, na emoción do momento. Máis en transmitir sensacións que na decoración da palabra. Hai moitas referencias á viaxe e á partida, pero é que foron escritas cando eu xa sabía que me viña traballar ao País Vasco”. En canto ao título do traballo di: “Hai un relato interno de dous personaxes que veñen de coñecerse. Xúntanse nun ático, un lugar apartado alá arriba, preto do ceo e lonxe do chan”.
Entre este mes de outubro e o próximo “Ático” será presentado no local de O Pote de Maniños. Con Arsenio estará o seu inspirador, Eduardo Estévez. O poeta compostelán salienta: “Arsenio fai o tipo de poesía que me gustaría facer a min, pero de xeito natural. Ademais de falar das cousas cotiás con moito detalle ten un rasgo insólito na poesía actual, na que todos somos un pouco lacrimóxenos, e é que Arsenio é un poeta optimista. E esa singularidade faino valioso”. n

Edítase “Ático”, o libro premiado de Arsenio Iglesias Pazos que ninguén quería publicar

Te puede interesar