Adeus a Bibiano

Adeus a Bibiano

A morte de Bibiano Morón cólleme co corazón, como na canción de Jacques Brel, en marea baixa. E é que a pouca xente da canción galega quixen e admirei tanto como a este fillo de Santiago, picheleiro purísimo, nado o 21 de decembro de 1950, que cantara de cativo na escolanía da catedral. Logo, despois, pasou formar parte de Los Tanos, grupo que animaba os guateques, “té bailes” tamén chamados, aos que acodíamos menestrais e estudantes pobres no Círculo Mercantil (hoxe Fundación Granell).
Logo Bibiano liderara un grupo moi potente, “O noso tempo”, mesmo con sección de vento, que é cando eu o capto para Voces Ceibes, derradeira etapa. Daquela estoupa  o gran Bibiano, ao folc-rock o que Miro Casabella –o outro a quen máis quero e admiro dos daquela– era (é, aínda) ao folc. 
Bibiano fixera tres “long-plays” gloriosos nos anos da Transición, “Estamos chegando ao mar” se cadra o máis significativo, producido por Alain Milhaud. Neses anos as cancións de Bibiano Adonis Morón Jiménez (eis o nome completo) andiveran polos “hit-parades”, dando a coñecer a media España o que valía aquel picheleiro (da Estila), voz aguda e afinada, pelo revolto e corazón aberto ao mundo.
Bibiano, autodidacta, quería e podía, e afeito como estaba ao traballo manual soubo ser empresario, hosteleiro, de actividades artísticas, ao tempo que un dos rectores da “movida viguesa”. Como productor e artista, compoñente el mesmo de Tren Vigo.
Nos últimos anos encetáramos un libro de conversas, de momento en “stand by”.
Se teño tempo e vagar hei recuperar o que artelláramos en longas paroladas, sempre ao redor dunha mesa ben servida. E é que Bibiano era un vitalista, un epicúreo, un gozador da existencia. Con el partillei días intensos en Santiago, Vigo, Madrid, Valladolid (inesquencible aquela actuación en Medina del Campo, discoteca “Shalakof”). Tamén gravacións de discos tan clandestinos como aquel “Cerca de mañana”. A derradeira vez que cadramos for no concerto de James Blunt no Auditorio “Mar de Vigo”. Alí fora eu convidado por Bibiano, con mando tan en praza como cando trouxera a Leonard Cohen.
Vaise de súpeto Bibiano Adonis, e eu estou arrepiado e triste e alporizado coa vida que non soubo parar esta desfeita. Bibi: bicos e flores para ti. Sempre.

Adeus a Bibiano

Te puede interesar