Lidia Senra urxe a declaración do naval como “sector estratéxico para Galiza”

Lidia Senra urxe a declaración do naval como “sector estratéxico para Galiza”
Centro Cívico de Caranza acto central de AGE para las elecciones con Beiras Yolanda Díaz Lidia Senra

 A candidata de Alterantiva Galega de Esquerda ao Parlamento Europeo, Lidia Senra, participou onte no mitin central que a formación celebrou no Centro Cívico de Caranza. Senra estivo arroupada polos seus compañeiros de partido, o seu mentor, o portavoz de AGE no Parlamento Galego, Xosé Manuel Beiras, a viceportavoz da formación no Hórreo, Yolanda Díaz, e a candidata Saínza Ruíz, que foi a encargada de abrir o acto. As butacas do centro cultural de Caranza quedaron escasas para acoller a tódalas persoas que na tarde de onte se desprazaron ata o edificio para coñecer máis de perto as propostas do partido de cara ás eleccións do vindeiro domingo.
Foi precisamente o sector naval o punto de partida do discurso de Senra, que subliñou a necesidade de protexer os estaleiros da privatización e declarar o sector como estratéxico do noso país. “Abonda xa de usar á UE para agochar a vontade do goberno do PP de non construír o dique”, denunciou a candidata de AGE, que urxiu as infraestruturas para garantir carga de traballo nos estaleiros da ría. E tamén con esa mesma finalidade Senra apelou á urxencia no levantamento do veto á construción naval civil en Navantia.
Coñecedora da situación que atravesa o sector na zona, con centos de persoas sen traballo, Senra defendeu a importancia de manter a industria naval “en mans galegas”, advertindo de que no caso de que empresas de fóra participen do sector podería derivar en que estas “leven a tecnoloxía e o bon facer dos nosos estaleiros”.
A relocalización dos sectores produtivos foi outro dos asuntos nos que Senra fixo especial fincapé, ao tratarse, dixo, dunha medida fundamental para paliar a “dramática situación de desemprego”. A iniciativa permitiría, segundo explicou, xerar postos de traballo directos e indirectos, pero ademais, subliñou, “a relocalización da actividade produtiva é unha ferramenta fundamental para manter no noso país un tecido social activo e vivo”.
A candidata de AGE denunciou que nos últimos dous anos se incrementou en dous millóns o número de personas sen emprego remunerado na UE e incidiu na necesidade de “botar abaixo as políticas neoliberais que están a destruír a posibilidade de vivir dignamente do noso traballo”.
“Os procesos de creación de emprego industrial deben atender aos criterios da demanda, asentándose en sectores sustentábeis e situando como eixo fundamental a participación de traballadores e traballadoras na súa propiedade e xestión”, asegurou onte Lidia Senra no mitin de Caranza.
Na mesma liña que Senra se pronunciaron Yolanda Díaz, coñecedora de primeira man da situación que atravesa tanto Ferrol como a comarca, e o portavoz de Alternativa Galega de Esquerda no Parlamento Galego. Ambos cargaron contra as políticas neoliberais impulsadas polo Partido Popular e urxiron un cambio de rumbo desde Europa, para o que pediron o respaldo da cidadanía, que a formación confía en que sexa “masivo” o vindeiro domingo nas urnas.

Lidia Senra urxe a declaración do naval como “sector estratéxico para Galiza”

Te puede interesar