UXT e CCOO esixiron no 1º de Maio emprego de calidade para saír da crise

UXT e CCOO esixiron no 1º de Maio emprego de calidade para saír da crise
Manifestacion 1 de Mayo - CCOO - UGT - USTG

Unhas cinco mil persoas secundaron neste Primeiro de Maio a manifestación convocada polos sindicatos UXT, CCOO e USTG en Ferrol para reclamar unha saída digna da crise, co emprego de calidade como obxectivo primorcial e co pano de fondo dunha arruinada economía da zona de Ferrol, onde a taxa de paro alcanza o 29%. A marcha comezou ás doce do mediodía no Inferniño e rematou na praza de Armas, onde os secretarios comarcais tomaron á palabra para reiterar, como fixeron tamén nos últimos anos, a súa condena ás políticas dos gobernos do PP.
O responsable de UXT, Cesáreo Fraga, cargou contra a nova estratexia do Partido Popular, “a dos bos síntomas”, confrontándoa coa taxa de paro do 26% que deixa en España a EPA e co prolongado proceso de destrución de emprego, que continuou imparable no último trimestre. “A desigualdade é a raíña e o paro o rei”, dixo o líder sindical, que atacou deseguido os recortes en dereitos sociais. “En Galicia e con Feijóo sufrimos o mesmo maltrato –sinalou–, máis de 290.000 desempregados e case a metade sen ningunha prestación, cunha perda de poboación das máis altas do mundo, con máis nenos que pasan fame e máis desigualdade”.
“Para eles –continuou Cesáreo Fraga– a educación e a sanidade non son servizos públicos, son unha oportunidade de negocio”. O secretario comarcal de UXT falou da grave situación do pequeno comercio e das empresas da comarca que están a atravesar serias dificultades ou mesmo foron xa á liquidación. “Estamos fartos de enganos, de mentiras, de falsas promesas”, dixo. “A creación de emprego digno, estable e de calidade ten que ser o obxectivo”, rematou.
Auri Vázquez, a secretaria comarcal de CCOO, tirou de argumentos para negar a mensaxe positiva que está a lanzar o goberno. “Sen emprego de calidade non hai recuperación; con seis millóns de parados non hai recuperación; repartir menos traballo entre máis xente con peores condicións non é recuperación”, aseverou. Vázquez esixiu outras políticas tanto de Bruxelas como dos gobernos do PP. “Queremos unha nova Europa con máis emprego, igualdade e protección”, dixo.
Auri Vázquez fixo referencia ao Primeiro de Maio como o día no que o movemento sindical chama á mobilización e asegurou que “seguiremos traballando pola unidade de acción na comarca”. Apostou por facelo con propostas concretas que nesta zona, segundo afirmou, pasan necesariamente pola esixencia de inversións públicas no sector naval, no dique flotante, no tren ao porto exterior e o saneamento. Rematou defendendo o diálogo social e pedindo á cidadanía que acuda masivamente o vindeiro 25 de maio ás urnas. “Na nosa man está cambiar de rumbo”, lembrou.
O responsable da USTG, Gregorio Freire, falou de anovar “o noso compromiso de clase” e fixo alusións ás loitas do barrio de Gamonal e das Marchas de Dignidade, para considerar que eses movementos “son o camiño a seguir”. Freire reclamou unha toma de conciencia individual e colectiva ante as agresións que están a sufrir os traballadores.
Como xa é tradicional todos os Primeiros de Maio, PSOE e UXT celebraron conxuntamente antes da manifestación unha ofrenda floral aos pés do monolito de Pablo Iglesias, no Cantón de Molíns. No acto estiveron a deputada Paloma Rodríguez e a parlamentaria e secretaria socialista en Ferrol, Beatriz Sestayo, así como o responsable comarcal do sindicato, Cesáreo Fraga.
Ao remate da manifestación na praza de Armas, máis dun cento de persoas secundaron a iniciativa “Rodea o Concello”, que foi organizada en réxime de “autoconvocatoria” por parte dun “grupo de cidadáns activos”. Permaneceron durante o resto da mañá e gran parte da tarde coreando consignas contra Mariano Rajoy e as políticas de recortes do Goberno, sen entorpecer a actividade do palacio municipal, que no día festivo de onte estivo pechado.

UXT e CCOO esixiron no 1º de Maio emprego de calidade para saír da crise

Te puede interesar