O Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses lanzou a fins de marzo un blog –https://institutocornide.blogspot.com/– que publicou o seu primeiro post o día 29. A idea era contar coa participación dalgúns numerarios e colaboradores para debater sobre a maneira de contribuír á sociedade, coherente coa natureza da institución, dedicada ao estudo, reflexión e divulgación da cidade e a súa contorna. O historiador Guillermo Llorca vén colaborando nesa publicación coa fin de partillar desa crónica da crise provocada polo Covid-19.
Por que elixiu outras epidemias?
Xosé A. Fraga, director do devandito instituto, convidoume a colaborar co tema que desexase. Dende o primeiro momento pensei que tiña que escribir algo relacionado coas pandemias do pasado e que tiveran incidencia en Ferrol. A primeira colaboración apareceu o 21 de abril co título “A gripe de 1918 en Ferrol: Leccións dunha pandemia”; a segunda, o 2 de maio, baixo o epígrafe “A cólera de 1854-1855 en Ferrol: leccións doutra pandemia”, e a terceira, aínda non publicada, será “Ecos en Ferrol da peste bubónica de Porto de 1899”. Falo de leccións porque os historiadores estudamos o pasado para poder entender o presente, e estes artigos serven para tirar algunhas conclusións comparándoas co Covid-19.
De que maneira afectaron esoutras epidemias á cidade?
En 1918, a poboación de Ferrol era de 30.700 habitantes, e segundo a investigación do historiador Enrique Barrera publicada en Diario de Ferrol no 2018 –“La epidemia de gripe de 1918 en Ferrol y Serantes”–, faleceron entre 267 e 311 persoas. Neste caso non coñezo a incidencia concreta noutras cidades e vilas próximas. En canto á cólera, para unha poboación duns 17.000 habitantes, e segundo Pastor Nieto Rodríguez, médico por entón do Servizo de Cirurxía do Hospital de Caridad, morreron 57 persoas, 17 homes, 30 mulleres e 10 nenos. Parece que a incidencia foi menor que noutros lugares, pois segundo a investigación de Carlos Vázquez Áiras –“Asistencia sanitaria e beneficencia no cólera de 1854-55 en Pontedeume”, en Cátedra, nº 17, 2010–, nesa vila morreron 338 persoas, e tamén máis mulleres, 210, que homes, 128. Polo que se refire á peste procedente de Portugal, polo que levo estudado non chegou á nosa cidade, pero as experiencias anteriores serviron para tomar medidas precautorias e avanzar na toma de conciencia da necesidade da hixiene pública.
Houbo outras crises sanitarias severas?
Dende a segunda metade do século XIX están documentadas tamén outras vagas de cólera, varíola ou tuberculose. E se miramos máis atrás, é interesante lembrar, por exemplo, a famosa peste bubónica do ano 1404, que deu orixe ao voto de Chanteiro, que despois de máis de seiscentos anos segue celebrándose. Sen esquecer tampouco o lazareto dos malatos ou leprosos da Malata, dedicado a illar da vila ferrolá aos contaxiados por lepra ou outras enfermidades consideradas contaxiosas. Remóntase ao ano 1403 e foi suprimido á altura de 1749.
Como actuaron as autoridades da época nesas epidemias?
A pesar das precarias condicións sanitarias deses tempos, as autoridades adoptaron diversas medidas. Tanto o Concello como as autoridades de Mariña colaboraron e puxeron en marcha varias actuacións. Algunhas delas semellan as actuais: illamento de enfermos, desinfección de vivendas e roupas, peche de colexios e de espectáculos... Houbo tamén colaboracións xornalísticas de profesionais da medicina para precaver e dar solucións sanitarias. Outras chámannos máis a atención, como sacar os santos das igrexas en rogativa, a recomendación de tomar viño que fai un almacenista da cidade, ou de consumir Chocolate Helvetia. Mesmo para a cólera chégase ao extremo de recomendar o uso de sambesugas no ano ou no baixo ventre, no caso de que outras medidas profilácticas fracasasen. En canto á peste de Porto, creouse inmediatamente un cordón sanitario, co peche das fronteiras con Portugal, en concreto da do Miño con Galicia, e polo que se refire a Ferrol, exixir unha patente sanitaria para as comunicacións marítimas ou colocar unha caixa de correo no Concello para as denuncias de casos sospeitosos e de infraccións na hixiene pública. En todas esas vagas pandémicas houbo tamén unha entrega xenerosa dos médicos e un comportamento solidario da poboación.
Que leccións se poden extraer destes episodios?
Loxicamente, desas dramáticas pandemias as autoridades tamén tiraron leccións, como a necesidade de garantir a pureza das augas, de limpar as rúas, de eliminar esterqueiras, de prohibir ter nas casas animais domésticos, de crear centros médicos, de vacinar a poboación... Como resumo, pouco a pouco foise pasando dunha medicina de carácter asistencial a unha medicina máis preventiva. Unha lección actual, despois da tremenda traxedia que estamos a vivir, é que espero que ninguén cuestione, nin sequera a dereita, a necesidade de reforzar o sistema sanitario público, de calidade e para todos os cidadáns. Tamén poñer en valor a importancia da investigación científica e da industria nacional, sen ter que depender de China para mercar unhas simples máscaras. E unha última reflexión, a pesar dos erros que comete o Goberno actual, é que o escudo social e económico para atender as necesidades das clases medias e baixas está sendo unha realidade que non ten comparanza co desamparo que sufriron os máis desfavorecidos durante a crise do 2008. l