“De vinilos, teclas e foles”, nova Xornada de Cultura Popular Galega en San Sadurniño

Casa da Cultura de San Sadurniño V Xornada da Cultura Popular Galega
|

“A xornada sempre transcorren sen problemas, de feito o momento máis complicado é a elección do tema do obradoiro. Pero iso xa o facemos con meses de antelación e o deste ano estaba listo en febreiro. Para o ano que vén xa temos pechados a dous dos grupos”. Así fala Ramón Dopico, da Asociación folclórica e cultural Berros do Castro de San Sadurniño, que celebra mañá na Casa da Cultura a VII Xornada de Cultura Popular Galega. Unha vez máis, está actividade está dividida en tres apartados: un obradoiro de acordeón con inscrición previa (coas 30 prazas xa cubertas), unha exposición e unha sesión musical con entrada de balde. 
A xornada deste ano leva o título de “De vinilos, teclas e foles”, xa que incluirá unha clase maxistral sobre acordeón a cargo do mestre Xan Pampín e unha mostra de vinilos antigos con gravacións de música tradicional. A partir das 20.00 horas levarase a cabo un concerto a cargo de dúas prestixiosas formacións: Donas e Galáns, de Ferrol, e o coro Novo Aires da Terra, que recupera partituras e instrumentos da agrupación homónima fundada hai xa un século en Pontevedra por Perfecto Feijóo.

estudo instrumental
Así, o obradoiro arrincará pola mañá e tratará sobre recursos básicos para o acordeón na música popular impartido por Xan Pampín. Trátase dunha actividade intensiva de 6 horas de duración e dirixida a aquelas persoas iniciadas no instrumento ou que desexen afondar no seu coñecemento. Pampín falará, entre outras cuestións, do funcionamento do acordeón, de como debemos colocalo e que postura corporal hai que adoptar para tocalo antes de meterse de cheo no repaso de ritmos e de técnicas tanto de interpretación como de acompañamento. A clase, ofrecida por un dos acordeonistas máis reputados do país, repartirase entre a mañá e a tarde. 
Tralo acordeón, subirá ao escenario da Casa da Cultura a Agrupación Folclórica e Cultural Donas e Galáns de Ferrol, nacida en 1983 co obxectivo de difundir o folclore galego dentro e fóra de Galicia. Porén, entre os seus obxectivos tamén se encontra a recuperación, a reparación e a posterior presentación de roupas, instrumentos, coreografías e cancións da tradición cultural e musical galega.

arqueoloxía folclórica
A clausura da xornada correrá por conta do coro Novo Aires da Terra, xurdido en 2014 co ánimo de facer soar de novo as pezas do mítico coro pontevedrés “Aires da Terra”, fundado por Perfecto Feijóo e desaparecido hai 100 anos. 
O seu repertorio está baseado case exclusivamente na colección Feijóo, o arquivo de cantos e melodías que este farmacéutico recompilou a finais do século XIX. Con todo, o Novo Aires da Terra emprega tamén outros cancioneiros, como o propio Feijóo facía. Nas pezas que interpretan usan copias das gaitas de Manuel Villanueva, así como reproducións do tambor e do bombo que este coro empregaba nas súas actuacións, co que intentan recuperar dun xeito fiel a sonoridade do coro orixinal. 
Por último, o terceiro bloque da VII Xornada de Cultura Popular Galega, o expositivo, estará aberto durante todo o día no recibidor da Casa da Cultura e nel poderase ver unha ampla selección de portadas de discos en vinilo da música tradicional do país. As portadas son cesións temporais de diversas entidades e persoas moi vencelladas coa cultura musical galega, como por exemplo: Xan R. Silvar (Raparigos), Emilio Españadero (RTVG) ou fondos propios da AFC Berros do Castro.
Ademais do Concello, na actividade que organiza a asociación cultural colabora a Deputación da Coruña, a Consellería de Cultura, a AFC Donas e Galáns e a Cooperativa de Meirás.

“De vinilos, teclas e foles”, nova Xornada de Cultura Popular Galega en San Sadurniño