A Santi todo lle sae mal. El procura comportarse como os demais, ten ilusión por ir á escola, ter un traballo e casar cunha rapaza como todo o mundo, pero sempre sucede algo que acaba deixándoo con cara de parvo.
O actor galego Xosé Antonio Touriñán encarnará hoxe e mañá a este personaxe creado polo dramaturgo naronés José Luis Prieto no seu “Monólogo do imbécil”, un texto que en 2003 acadou o premio MAX de teatro. A cita servirá ademais para abrir o programa da primeira edición do Festival do Monólogo Teatral impulsado polo Padroado de Cultura do Concello de Narón e a produtora Eme2. O programa incluirá outros tres espectáculos nos sucesivos venres deste mes de abril.
funcións
A estrea do “Monólogo do imbécil” terá lugar esta mesma tarde, a partir das 20.30 horas, no Café Teatro do Pazo da Cultura, onde mañá sábado haberá unha segunda función ás 20.00 horas. O prezo das entradas para o público en xeral é de 9,50 euros (6,65 para abonados).