Canido quere implicar á comunidade educativa do barrio na Festa dos Maios

Canido quere implicar á comunidade educativa do barrio na Festa dos Maios
centro cívico de Canido, concurso de Maios

Canido quere implicar este ano especialmente á comunidade educativa do barrio na celebración da Festa dos Maios que terá lugar entre o 30 de abril e o 3 de maio. Con este motivo convocou para esta tarde a persoal dos colexios Cruceiro de Canido, Juan de Lángara e San Rosendo así como dos IES Ferrol Vello e Canido, aos que a Intrabarrial (grupo de traballo formado por máis de 16 entidades que teñen no barrio a súa sede social) quere achegar as propostas a través das que os estudantes poderían colaborar co desenvolvemento da cita.

As liñas de proxectos a desenvolver coa comunidade escolar contemplan varias actuacións. Unha delas pasaría pola elaboración dos propios maios coa finalidade de trasladar aos mozos e mozas o coñecemento desta tradición e contribuír ao incremento destas composicións florais.

Propónse ademais a recupeción de xogos tradicionais. “Instruiríamos ao alumnado neste tipo de xogos e eles, á súa vez, durante a festa, visibilizarán, titorizarán e transmitirán a práctica á veciñanza máis nova”, indican desde a Asociación de Veciños. Nesta actividade contarase co asesoramento de todo un referente na investigación e recuperación de brinquedos, o ferrolán Antón Cortizas, dispoñible ademais para desenvolver os obradoiros necesarios.

A terceira das liñas de acción que se lles prantexará aos centros educativos ten que ver coa posibilidade de que os estudantes vivan a festa desde dentro a través da creación dun equipo de voluntariado que apoie o desenvolvemento das actividades que darán vida ao programa dos maios.

Todas estas propostas van dirixidas ao alumnado do último curso de Primaria e/ou ESO.

Entidades

Xunto á Asociación de Veciños de Canido, e a colaboración do Concello de Ferrol, teñen tamén un papel protagonista na celebración dos maios outras entidades como a Asociación Socio-Cultural Muíño do Vento, co certame “Inventa unha flor”; a parroquia de Santa Cruz, co “Toldo da Tafona”; a Sociedad Deportiva Canido, coas actividades deportivas; a Asociación de Acordeonistas de Canido-Ferrol, que organizará o primeiro festival deste instrumento; ou a Asociación de Luandé, responsable do encontro internacional de capoeira.

Tamén se contará este ano coa participación do grupo de música Riff Raff, que o día 2 lembrará ao que fora membro do grupo, Toñito, que faleceu o pasado ano e ao que se lembrará nesta edición da festa. O cartel do concerto incluirá, entre outras, a actuación de Heredeiros da Crus.

Música de todos os estilos, espectáculos para o público familiar, o tradicional xantar na rúa e algún vídeo tutorial de elaboración de maios, que será publicado en breve, formarán parte tamén do programa da festa.

Canido quere implicar á comunidade educativa do barrio na Festa dos Maios

Te puede interesar