Unha puntualización (XVI)

Unha puntualización (XVI)

Na primeira entrega desta serie, dedicada a lembrar e honrar a memoria das Irmandades da Fala, dicía –recollo textualmente–: “O habitual é considerar como data fundacional o día 18 de maio –de aí que figure na citada placa–, mais tivo que ser un día antes, xa que na primeira plana do xornal La Voz de Galicia do día 18 atopamos a crónica “La reunión de ayer / Os Amigos da Fala” que comeza: “Ayer ha sido constituida en el local social de la Academia Gallega la ‘Hermandá de Amigos d’a Fala’”. Uns días despois, o diario coruñés reproducía a primeira plana do número no que apareceu esta información. A foto era perfecta e nela víase con claridade que a data era do 19, polo que, se a reunión tivese sido o día anterior, o acto constitutivo da Irmandade coruñesa fora o día 18 de maio.
Á vista disto sentín a necesidade de insertar esta aclaración –tamén recollida ao pé da letra- na terceira das entregas–: “Nota.- Na primeira entrega desta serie irmandiña hai un erro derivado da mala calidade da fotocopia manexada. Parece que pon 18 de mayo e non 19, que é o que realmente pon”.
É certo que manexaba unha vella copia –impresa a partir do microfilme de La Voz de Galicia que posúe a biblioteca da Deputación coruñesa– que ten unha mala calidade, mais, como dediquei horas abondas da miña vida ao estudo da magna figura de Ánxel Casal e á súa absoluta vinculación co movemento irmandiño, entendía que esa copia non debía ser a única razón que me movese a considerar o 17 como data fundacional. Atopábaa en arquivos que escribín hai máis de vinte anos. E estes días, revisando materiais relacionados coa Asemblea de Lugo, batín co que estou convencido que tivo que ser o motivo que me levou a considerar que foi o día 17 –en vez do tradicional 18– o da data da fundación das Irmandades.
No nº 56 do boletin A Nosa Terra, de 30 de maio de 1918, podemos ler o artigo de Antón Villar Ponte “¡Adiante! / O segundo aniversario da fundazón das Irmandades”, que comeza así: “O 17 de Maio fixo dous anos que se constituíu a primeira ‘Irmandade da Fala’; a da Cruña”. 
A continuación lembra que “O iniciador d’elas foi Ramón Vilar Ponte, irmán meu. A iniciativa súa recollinna eu e leveina a un folleto (estase a referir, obviamente, a Nuestra ‘afirmación’ regional-, que patrocinaron, pirmeiro que ninguén, Aurelio Ribalta, galleguista de sempre, Manoel Lugrís, verbo do enxebrismo e Lois Porteiro, rapaz representativo da nova intelectualidade da terra”.
Para máis adiante, por se non quedara claro de todo, insistir na data: “Constituíuse a primeira ‘Irmandade’ o 17 de Maio fixo dous anos”.
E de seguido explicar a súa visión do acontecido neses dous anos: “No comenzo eramos vinte persoas a quenes chamóuselle os ‘felibres galegos’, relembrando ôs da Provenza fillos do xenio de Mistral. Oxe son moitas as ‘Irmandades’ feitas; no termo de estes derradeiros dous anos falóuse mais en galego culto que denantes n’un século. Galicia escomenzou a sere consideirada. E eiquí tedes como somos uns homes históricos; uns homes a quenes o porvire non terá que eisixirlles responsabilidade. Porque ofrendáronlle a Galicia un pensamento, unha vountade propia e un sentimento propio.
A ‘Irmandades da Fala’, é o mais grande e outo que se fixo na nosa terra. A historia diraio eisí”.
É máis que evidente que Villar Ponte foi peza fundamentalísima na xestación e arranque das Irmandades, polo que non parece probable que en tan curto espazo de tempo se trabucase da data fundacional. Se para el era o 17, por que para nós ten que ser outra? En calquera caso, día arriba, día abaixo, nin quita nin pon e cadaquén que escolla o que lle pareza máis atinado. Os feitos son eses.
O verdadeiramente significativo é que nesa altura, concretamente o 2 de xuño, dous días despois da aparición dese artigo de Villar Ponte, se produciría unha profunda renovación de cargos -da que xa se deu conta en entrega anterior- e se aprobaría un novo regulamento, moito máis ambicioso que o que se elaborara e aprobara para botar a andar.
Os próximos pasos serían os de ir sumando vontades coas Irmandades xa constituídas noutras localidades e difundir o regulamento para tentar de incorporar novas agrupacións. Todo coa vista posta na celebración da I Asemblea irmandiña.
Así, tal como informaba o número d’A Nosa Terra de 30 de xuño, nos brindes do xantar celebrado para conmemorar o primeiro aniversario da fundación da “Xuventude de Defensa” de Vilagarcía interveu Peña Novo que  “fixo unha glosa maxistral do novo e lumioso regramento das ‘Irmandades da Fala’, c’o ouxeto de que en Vilagarcía se constituya unha”. E no número seguinte, do 10 de xullo, a sección “Novas da causa” daba conta de que as Irmandades de Monforte, Santiago e Betanzos “xa chegaron â aprobación do novo regramento xeneral que lles donará unidade a todal-as de Galicia e que será base das grandes Asambleas galeguistas anuaes”, información que se amplía na sección “Noticias” do boletín de 20 de xullo: “Todal-as ‘Irmandades da Fala’ de Galicia están conformes co’a orientación da cruñesa. Todas veñen aprobando o Regramento xeneral”.
O novo rumbo estaba en marcha.
 

Unha puntualización (XVI)

Te puede interesar