O último pleno do ano debate sobre a chegada do corredor atlántico ferroviario ao porto de Ferrol

O último pleno do ano debate sobre a chegada do corredor atlántico ferroviario ao porto de Ferrol
Pleno Ferrol

O último pleno do ano, adiantado a esta tarde para evitar o período central do Nadal (decisión criticada polo BNG), recollerá mocións que quedaron pendentes o mes pasado e debaterá sobre o trazado do corredor atlántico de mercadorías, a perigosidade vial na estrada de San Pedro ou a rea-nudación dun plan de axuda ás persoas sen fogar. Fóra do apartado de mocións, os contidos limítanse a aprobar a composición da mesa de comercio, a adhesión de Ferrol á asociación do Camiño Inglés, a dar conta de acordos e tamén á aprobación de resolucións de facturas e expedientes por parte de Intervención, que dan sempre lugar a recriminacións ao goberno local por non ter adxudicados os servizos.

Neste apartado inclúese o informe anual de control interno que fai precisamente Intervención. Nel recóllense os expedientes de reparo e de omisión de fiscalización, que teñen que ver na súa maior parte coa modalidade de expedientes de contratación e, dentro deles, con contratos de servizos, é dicir, con facturas sen contrato en vigor. Neste caso son, principalmente, o contrato eléctrico, o de recollida de lixo e o de mantemento de parques e xardíns. Ata novembro deste ano destináranse 7.385.197,05 euros a este capítulo, con 1.174 expedientes. É unha cifra superior á do ano pasado, en que houbo 920 expedientes e un gasto de 5.557.107,21 euros. Deses máis de sete millóns de euros, seis millóns, un 82% do total, teñen que ver con expedientes de contratación.

Fóra da orde do día debaterase no pleno unha declaración institucional para que o trazado do corredor atlántico de mercadorías inclúa os portos da Coruña e de Ferrol. E unha iniciativa da Plataforma Atlántico Norte apoiada pola Asociación de Empresarios Ferrolterra coa que se demanda que se respecte o trazado inicial en “Y”, derivando á Coruña-Ferrol e a Vigo desde Monforte. O percorrido que se propón actualmente é A Coruña-Vigo-Ourense-Palencia. Deste xeito diminúese “a capacidade competitiva das empresas da provincia da Coruña, e especialmente das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal”.

Tamén chega a discusión no pleno, da man do BNG, unha moción para que o goberno local esixa á Deputación que comecen as obras das beirarrúas da estrada de San Pedro. O grupo nacionalista recorda que o proxecto foi aprobado, licitado e adxudicadas as súas obras en marzo do ano pasado por un importe “algo superior ao medio millón de euros” e que, despois de terse iniciado foi modificado de novo en febreiro deste ano. “Dez meses despois os traballos seguen sen comezar diante do silencio absoluto do goberno municipal”, indican. Esixe o BNG que non se demore máis a actuación.

Da orde do día prevista retirouse a aprobación do Plan de Emerxencias Municipal, que foi onte a comisión, porque os grupos da oposición pediron máis tempo para estudalo. Tamén se retirou a moción do BNG sobre o profesor de apoio no CEIP Masdías porque se cumpriu a petición do centro.

O último pleno do ano debate sobre a chegada do corredor atlántico ferroviario ao porto de Ferrol

Te puede interesar