Música, teatro e artesanía no primeiro festival Castelo Folk que o sábado terá lugar en Andrade

O castelo de Andrade, situado no municipio de Pontedeume, converterase este sábado no escenario dunha nova proposta artística e de lecer, a impulsada pola Asociación Xente de Aquí e de Acolá da parroquia de Nogueirosa. Artesanía, música e teatro serán os principais ingredientes dunha cita que se desenvolverá durante todo o día no contorno da devandita fortaleza.
Comezará ás 11.00 horas coa apertura da exposición e venda de artesanía, así coa celebración dos diferentes obradoiros previstos, entre os que se inclúen propostas de macramé, cestería ou coiro, entre outras. Durante a mañá haberá tamén unha mostra de cetrería, así como as alboradas a cargo de gaiteiros que amenizarán a xornada antes do xantar popular.
A xornada da tarde arrancará ás 16.30 horas coa actuación de Ariños do Eume, para media hora máis tarde, ás 17.00 horas, celebrarse a representación teatral “Iván e o lobo gris” –con música de piano en directo– por parte do grupo Asociación Musical Musicreques.
A partir das 21.00 horas dará comezo o festival folk, que será presentado polo compoñente de Luar na Lubre Xulio Varela. Airiños do Eume, Alén de Ancos, A requinta da Laxeira e Tanto nos tén (TNT) configuran o cartel musical. Ás 23.30 horas haberá unha nova representación teatral neste caso da man do grupo Dame Cuerda Que Teatro, coa escenificación de “Lendas do Eume”. Así pois, interesante proposta a organizada para este sábado pola Asociación Xente de Aquí e de Acolá.

Música, teatro e artesanía no primeiro festival Castelo Folk que o sábado terá lugar en Andrade

Te puede interesar