Canido celebrará a Festa dos Maios nas rúas dende o xoves ao domingo

Canido celebrará a Festa dos Maios nas rúas dende o xoves ao domingo
Canido fiesta maios

Canido estará de celebración desde o xoves ata o domingo nunha Festa dos Maios na que a asociación veciñal implicou a particulares, empresas e entidades para elaborar un programa no que non falta nada. “En Canido os maios quixéronse sempre e por iso non morreron, a pesar de non ter axuda de ningún tipo”, comenta Elia Rico, presidenta da AVV Cruceiro. Por iso decidiron darlle un impulso, “que a xente sinta o barrio como seu” e, ó xeito das comisións de festas, chamaron porta por porta para conseguir axuda, tamén económica, e converter a celebración deste ano nun evento especial. Espallarán ademais as actividades por varias prazas, para que a animación chegue a tódolos recunchos. Así, comezarase na da Auga pero tamén haberá un escenario nos xardíns da Fenya e outro na praza do Cruceiro. Ademais, as atraccións de feira para os nenos, abertas desde o 1 ata o 4, colocaranse na rúa Pérez Parallé.
As festas comezan este xoves ás 18.30 horas, na praza da Auga, co lanzamento de bombas de palenque e un pasarrúas con cabezudos. Media hora despois Teatro do Asteleiro representará a obra “As raíñas” e daralle paso á coral Alecrín. Desde as nove Os Xotas poñerán música na rúa.
O venres volverán as actividades, cun pasarrúas con cabezudos a partir das 19.30 horas no que se lanzarán foguetes e tocará a charanga Vai de Baranda. Medulio representará ás dez da noite, nos xardíns da Fenya, a obra “Cabaré Ferreiro” e Berros do Castro e Boj darán un concerto de música folk a partir das once da noite.

premios de contraportada
O sábado a festa arranca pola mañá, con pasarrúas ás 10.30 horas para, media hora despois, inaugurar o mercado de artesanía, produtos da terra e tamén de segunda man e ocasión. Será nos xardíns da Fenya namentres se realizan actividades e obradoiros para os nenos na rúa Alegre. Ás doce do mediodía será a festa de entrega do II Premio Muíño do Vento de Textos de Contraportada (que gañaron Lalo Carnota e Xurxo Souto por “A terra queima”) e tamén do II Certame Literario Escolar “Inventa unha flor”. Participarán nesta celebración o grupo de baile Mario Escudero, o ilusionista Martín Varela, o grupo Alén de Ancos e tamén un coro formado polos nenos que participaron no certame literario.
Chiculate animará a sesión vermú desde as dúas da tarde e ás seis será a banda de gaitas Agarimo a que encenda os ánimos. Pola noite, ás dez, será o sorteo dos agasallos doados polo comercio do barrio para axudar á festa e unha hora despois actuará o sexteto Tempo Catro no Cruceiro. Tomará o relevo, pasada a medianoite, M & M’s Band.
O día grande dos Maios será o domingo. Ás dez celebrarase un torneo de fútbol 3x3 e media hora despois comezará un pa-sarrúas que anunciará tamén a apertura do mercado de artesanía e produtos da terra. A rúa Alegre volverá ser o espazo para os xogos e talleres dos nenos e ás 12.30 horas está prevista unha exhibición de zumba. Os Zares serán os que poñan a música á sesión vermú e despois celebrarase un xantar popular no campeiro da rúa Pérez Parallé. Pola tarde os xogos populares comezarán ás 17.30 horas e, despois do pasarrúas, actuará o coro Toxos e Flores. A última hora pecharase o mercado e anunciarase o fin de festa de novo con bombas de palenque.
Durante todo o día estarán expostos ó público polas rúas principais de Canido os maios que realizan espontaneamente os veciños, xunto co que fai cada ano a asociación.

Canido celebrará a Festa dos Maios nas rúas dende o xoves ao domingo

Te puede interesar