Xosé A. Touriñán é inquedo por natureza. “Non paro, non podo estar quieto, gústame meterme en líos”, bromea. O último ten que ver co teatro, concretamente coa obra “Fariña”. El e Nacho Carretero, autor do libro no que se basea a peza e que tamén inspirou a exitosa serie de televisión, embarcáronse xuntos na produción dun novo proxecto no que ten moito que ver o naronés José Luis Prieto, ao que lle encargaron a adapación teatral do texto.
Non foi esta unha elección casual, nin moito menos. “É o dramaturgo máis importante de Galicia, o máis representado en galego. Ten moitos máis méritos e aquí fai un traballazo; o libreto é fantástico”, salienta Touriñán.
O propio Prieto recoñece que foi necesario un importante traballo de síntese, mais as liñas a seguir estaban perfectamente definidas entre os produtores, o director Tito Asorey e o propio autor teatral.
“O que tiñamos claro desde o principio é que había que contar outra cousa que non fora o da serie, porque iso xa estaba contado e ademais moi ben; foi un éxito, e o libro tamén, e había que facer outra cousa distinta, cunha linguaxe diferente, e achegando algo máis á historia”, relata.
A el interesoulle contar de forma teatral os pasos que o libro vai dando cronoloxicamente, un percorrido pola historia do narcotráfico desde as súas orixes ata a actualidade. “Contado, iso sí, de moitas maneiras distintas, indo como foi a sociedade. Mentres entraron cartos co tabaco e todo iso dalgunha maneira non se consideraba delito, ese diñeiro fluía por todas partes, pagaba as festas populares... ninguén o veía mal. Iso era unha festa, e así o tratamos na obra. É unha festa toda a primeira parte; hai música, verbenas, alegría, cartos...ata que, como na realidade, comezaron a verse os danos directos da droga, cando comezaron a morrer mozos polas drogas, e aí é onde se frea a festa e comeza a parte dramática tanto na sociedade como na obra”, explica.
Emocións
“Hai moita comedia, pero tamén hai drama; creo que esteticamente é moi bonito e creo que, se todo vai ben, os espectadores poderán ir pasando por todos eses estados polos que nós pretendemos que pasen”, engade.
Con esta peza trátase así mesmo de poñer un espello fronte á sociedade para reflexionar sobre un problema que segue a constituir unha auténtica lacra social na actualidade e “como segundo en que circunstancias aceptamos as cousas ata que comezamos a ver as consecuencias”. Para Prieto, este foi un traballo “moi interesante, moi rico e que está moi ben producido”.
Logo de cinco funcións en Coruña e Carballo, cunha excelente resposta por parte do público, a peza chega a Ferrol. Poderá verse no Auditorio hoxe e mañá ás 20.30 horas e aínda quedan entradas dispoñibles.