As “Historias camiñantes” de Cándido Pazó chegan a Fene

Copia de Diario de Ferrol-2013-10-11-010-a3acd4cb
|

O actor e contacontos Cándido Pazó presenta este venres ás 20.30 horas as súas “Historias Camiñantes”. Trátase dun espectáculo de tradición oral en estado puro nas mans dun contador de historias vocacional.
Para asistir á función será imprescindible retirar as entradas (ata un máximo de tres por persoa) hoxe mesmo, de 17.00 a 20.00 horas na conserxería da Casa da Cultura (Avda de Conces, 20-22). A entrada é de balde ate completar o aforo.

cómico da palabra
Como narrador adóitase definir a Pazó como un cómico da palabra pois o mesmo cultiva o conto tradicional, a historia tabernaria ou o monólogo cómico, adaptándose a cada tipo de público. Ademais da súa presenza habitual en radio e televisión –actuando en galego, español, portugués ou francés– estivo presente en locais especializados e festivais de oralidade de Europa, Sudamérica e África. É autor da maior parte dos seus textos, aínda que tamén os toma da tradición oral popular e da literatura.
A vindeira función do ciclo de monólogos de Fene desenvolverase o 18 de outubro e estará protagonizada polo actor Sergio Pazos con “Se galego my friend”. Para este espectáculo sortearanse o vindeiro luns 14 oito entradas. Repartiranse dúas a través da páxina web municipal, outras dúas a través da emisora Radio Fene e as catro restantes a través dos perfís en Facebook da Oficina Municipal de Información Xuvenil e do Museo do Humor.

As “Historias camiñantes” de Cándido Pazó chegan a Fene