Afouzarte, un proxecto de arte abstracta integradora e “sen ningún tipo de discriminación”

Integrar a diferentes persoas ou colectivos no mundo da arte, sen ningún tipo de discriminación. Este é o obxectivo do proxecto “Afouzarte”, unha mostra impulsada por tres alumnos de cuarto curso da facultade de Belas Artes de Pontevedra Verónica Fachal Vázquez, Aida López Fernández e Samuel González Soliño que hoxe –ás 20.00 horas– será inaugurada no Ateneo Ferrolán.
A exposición “confronta obras de diferentes colectivos xeralmente afastados do m undo artístico xunto con pezas de futuros licenciados en Belas Artes, empregando a arte abstracta como medio de expresión, chegando a converter o proceso pictórico en arte-terapia”, segundo explican os seus promotores.
Obras
Está composta por un total de 40 pezas realizadas por alumnos de PMAR (antiga diversificación curricular) do CPI Castro Baxoi de Miño, do EEI Fernández Varela de a Pobra do Caramiñal, da Asociación Galega de Asperger (Asperga) e da devandita facultade pertencente á Universidade de Vigo.
“Afouzarte” enlazará todas estas creacións na sala de exposicións sen ficha técnica, de xeito que o espectador debe intuir o autor o autora de cada unha das pinturas.
“Consiste nunha forma de integrar a arte en todos os grupos sociais e desmitificar o elitismo que hai hoxe en día asociado a este mundo”, comentan os organizadores.
 

Visitas
A través deste proxecto abordan a idea, como así o recolle o propio título da iniciativa, de “dispoñer o espírito que nos leva a actuar sen temor aos perigos ou dificultades, facendo referencia á seguridade que alguén ten en si mesmo”.
O proxecto que desde esta tarde e ata o vindeiro 12 de xaneiro se poderá ver no Ateneo Ferrolán supón a posta en común dunha selección de obras realizadas polos mencionados alumnos nuns talleres de arte terapia organizados polos tres estudantes de Belas Artes que dirixen a proposta e que hoxe estarán na sede da entidade ferrolá compañados dos representantes dos colectivos participantes para amosar a súa iniciativa.

Afouzarte, un proxecto de arte abstracta integradora e “sen ningún tipo de discriminación”

Te puede interesar