As asociacións veciñais poderán pedir seis actuacións escénicas en todo 2013

As asociacións veciñais poderán pedir seis actuacións escénicas en todo 2013
a través da rede promóvense actividades como este concerto do grupo rosas en san xoán-o bertón d.a.

As asociacións veciñais de Ferrol poderán solicitar seis actuacións de grupos afeccionados, durante todo 2013, con cargo ó programa Ferrol Escena, unha rede municipal que pon en contacto a estas entidades cos grupos de música, danza, teatro e outras propostas escénicas da cidade. É unha maneira de facilitar a difusión do traballo artístico que se fai en Ferrol de forma amateur, ó tempo que se descentralizan as actividades culturais, achegándoas o máximo posible ós veciños.

O concelleiro de Cultura, Reyes García Hurtado, fixo públicas as bases desta convocatoria, logo de que se informase favorablemente sobre elas en comisión. A principal novidade respecto a outros anos é o número de actuacións que se poden pedir (seis máis dúas de reserva) e que se distribúen obrigatoriamente en dúas quendas (tres actuacións deben facerse de febreiro a xullo e outras tres, de agosto a decembro).

En 2012 Ferrol Escena convocouse en setembro. Esas bases especificaban que as entidades veciñais podían solicitar un total de catro actuacións, que se debían desenvolver antes de finais de ano. Pero xa antes, con outro nome, houbera unha convocatoria para dar difusión á creación afeccionada. As bases deste proxecto, chamado Dinamización Cultural 2012 (e que se poden consultar, como as demais, no taboleiro de anuncios da web do Concello), establecían que se podían solicitar ata tres actuacións nos locais veciñais. Así, unha asociación que aproveitara ó máximo estas iniciativas puido programar, en 2012, sete actuacións.

 

condicións

O funcionamento de Ferrol Escena estrutúrase en dúas fases. A primeira consiste na inscrición dos grupos. Teñen desde este luns, 21 de xaneiro, ata o 9 de febreiro para presentar a documentación requirida no Rexistro. Poden participar tódolos grupos afeccionados de artes escénicas inscritos no rexistro municipal de entidades cidadás. Inclúense propostas musicais, de danza e de teatro, con diferentes vertentes.

As asociacións, unha vez confeccionado o catálogo, poderán facer as súas peticións entre o 15 de febreiro e o 1 de marzo. Ademais de distribuílas en dúas quendas, non poderán ser máis de unha por fin de semana.

Cultura corre cos gastos do caché dos grupos, que non poderá superar os 300 euros. Os veciños serán os que velen polo correcto desenvolvemento da función e tamén os encargados de distribuír os carteis anunciadores. Ademais, deberán presentar un local coas condicións para desenvolver o traballo.

 

As asociacións veciñais poderán pedir seis actuacións escénicas en todo 2013

Te puede interesar