Coral C.P.S. de San Valentín, 35 anos dunha formación pioneira na comarca

Coral C.P.S. de San Valentín, 35 anos dunha formación pioneira na comarca
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-48d844ce

A finais dos anos 70 todo era novo no barrio fenés de San Valentín. De toda aquela enerxía social canalizada a través do Centro de Promoción Social no eido deportivo e cultural a única actividade que se mantén viva é a súa coral, hoxe unha das máis veteranas na comarca. De feito a  entidade cumpre os seus 35 anos oficiais de vida algo que van celebrar o próximo sábado 16 no salón de actos do colexio A Xunqueira ás 20.00 horas cun festival no que comparten cartel coas corais Aires de Carral e O Pote de Maniños.
Nun barrio obreiro, no que case todo estaba por facerse, a coral do CPS comezou a ensaiar de cando en vez nun baixo do bloque 10 no ano 78. Sería en 1980 cando se formou a entidade que, tras un pequeno parón retomou con forza a actividade en 1983 e ata hoxe. Pola súa dirección pasaron os mestres Pareja e Rodrigo, Antonio Yllobre, Sergio Bernal desde o ano 90 e, desde outubro de 2013, o círculo péchase coa filla do mestre Pareja, Miriam Fernández-Pareja Marín, a actual directora.
Luis Romero e Antonio Ojea son dúas das persoas que levan os 35 anos na coral (as outras son Nieves Maceira e María Permuy), e falan das claves da lonxevidade da agrupación. “Ademais dunha coral, e de que nos gusta cantar, somos unha pandilla de amigos que, cada vez que viaxa, aproveita para pasalo ben”. Viaxes que os levaron a actuar por toda Galicia, na TVG, en Asturias, Alicante ou Navarra, e levar algunha que outra alabanza. “Recordo –lembra Ojea–, que a directora da coral Rei Matías de Hungría nos dixo que non podía crer que unha coral de obreiros dun estaleiro cantara como nós, xa que eles era xente de conservatorio. Foi un cumprido moi bonito, pero non foi a única vez que nolo dixeron”. Cun amplo repertorio onde caben habaneras, canción galega ou misas non falta a zarzuela. “Actuamos nun par de ocasións neste xénero coa banda do Tercio Norte, e o resultado foi espectacular”, contan.
Outra das singularidades da coral do CPS de San Valentín é que foi unha das formacións pioneiras no rexurdir das Pepitas de Ferrol nos anos 80. “Daquela houbo os seus máis e os seus menos pola presenza de mulleres na nosa formación, algo que era insólito e agora está normalizado. Foi unha época bonita pero deixamos de participar nos anos 90 cando se desfixo o grupo de punteo de Astano que nos acompañaba na parte instrumental”, recorda Romero.
Con varias actuacións á vista, os coristas só teñen un desexo: “que a xente nova se anime e se apunte para poder renovar a formación. Cantar é o máis fermoso que hai. Ademais, este coro tivo unha función moi importante no barrio e levou o nome de Fene por toda España”.

Coral C.P.S. de San Valentín, 35 anos dunha formación pioneira na comarca

Te puede interesar