Coa finalidade de promocionar e potenciar a labor profesional dos fotógrafos que exercen na comunidade galegal, o Club de Prensa de Ferrol convoca un ano máis, e xa van pola vixésimo quinta edición, o proxecto de Galicia en Foco. Aberto a todos os fotoxornalistas e fotodocumentalistas que “exercen e rexistran a realidade informativa, cultural ou antropolóxica de Galicia”, o prazo de inscrición pecharase o vindeiro 1 de marzo, tal e como onte informaron Xoán Rubia e Pedro Taboada, membros do colectivo organizador.
Establécense dúas categorías: unha de fotoxornalismo na prensa e outra de reportaxe. Todas teñen que ser obras editadas ó longo de 2015. Un xurado será o encargado de elixir a “Foto do ano”, que será publicada como separata no catálogo do seguinte certame e ilustrará a capa do libro. O seu autor recibirá como premio unha peza de cerámica de Sargadelos. Tamén será elixida a “Fotoreportaxe do ano”.
mostra
As obras presentadas pasarán a formar parte, como todos os anos, dunha mostra itinerante. A do pasado ano iniciaba en xullo o periplo en Ferrol para logo continuar por diferentes municipios. Agora está na Coruña e o vindeiro mes, entre o 7 e o 30 de marzo, poderá verse nas Pontes.