Aberto o prazo de presentación de debuxos para unha nova edición dos “Curuxa do Humor”

Imaxe dos gañadores da última edición do certame fenés
|

A XXII edición dos Premios “Curuxa do Humor”, convocados pola Concellería de Cultura e o Museo do Humor de Fene, ten aberto xa o prazo de presentación de debuxos, que concluirá ás 23.59 horas do vindeiro 31 de maio.
Os galardóns teñen como obxectivo recoñecer o traballo dos humoristas gráficos do momento, tanto galegos como de calquera outra parte do estado español, así como procurar “unha maior proxección pública do Museo do Humor de Fene, un dos poucos do seu xénero que existen no noso país e no mundo enteiro”, salientan desde Fene.
Nesta vixésimo segunda edición do certame, o gañador da Curuxa Gráfica (categoría para maiores de 25 anos) recibirá 2.000 euros e diploma e o gañador do segundo premio, 1.500 e diploma. Na “Curuxa Nova” (grupo de menores de 25 anos) concederase un primeiro premio de 1.000 euros e diploma, e un segundo de 500 tamén con diploma.
Envíos
Os interesados en presentarse á convocatoria terán que enviar os seus traballos ao Rexistro Xeral do Concello de Fene (Praza do alcalde Ramón Souto González, s/n, 15500 Fene, A Coruña).
As obras, de temática libre, terán que ser de creación propia e inéditas: humor gráfico nas súas modalidades de texto ilustrado, viñeta, cómic (máximo unha páxina) e, ou, caricatura. Presentaranse en formato papel e cunha dimensión máxima de A3. Tal e como se recolle nas bases, non se admitirán fotocopias nin gravados.
Os traballos poderán estar redactados en galego ou en calquera das linguas oficiais do Estado (castelán, euskera e catalán), aínda que nestes casos o autor terá que achegar xunto á documentación a tradución ao galego do texto.
Tanto a ficha de inscrición como o modelo de declaraciónresponsable pode ser descargada na web do Concello de Fene (www.fene.gal) ou no microsite do Museo do Humor (http://museodohumor.fene.gal).
Fallo
O fallo de xurado do certame darase a coñecer no prazo de dous meses trala data límite de presentación dos traballos e farase a través da web do Concello e dos diferentes medios de comunicación.
Formarán parte do mesmo o alcalde de Fene, o concelleiro de Cultura, a coordenadora do Museo do Humor e tres humoristas gráficos ou expertos nomeados pola institución municipal fenesa.
Tal e como se recolle nas bases, os premiados comprométense a recoller o premio na gala que a estes efectos programe o Museo do Humor no último trimestre deste ano. Nesas mesmas datas, como é habitual ano tras ano, farase unha exposición cunha selección dos traballos presentados á convocatoria.
Os gañadores da última edición (2017) foron Borja Ramón López, primeiro premio por “El primo Ramón”; Andrés Meixide, segundo; e Andrés Simal e Andrés Garrido, primeiro e segundo, respectivamente, na “Curuxa Nova”. l

Aberto o prazo de presentación de debuxos para unha nova edición dos “Curuxa do Humor”