É un dos principais sinais de identidade do centro mais tamén unha ferramenta de gran valor para traballar a educación en valores. O proxecto “Brinquedos” do CEIP Mosteiro de Caaveiro da Capela leva máis dunha década apostando polo xogo tradicional como un excelente recurso pedagóxico. “Transmite a cultura dun país, axuda á socialización das persoas, fomenta as relacións de igualdade, desenvolve a imaxinación, invita a participar e tamén é un xeito de coñecer o entorno”, di Xabier López, mestre e coordinador da iniciativa
Ademais, esta “proposta educativa global” tenta achegar alternativas para que os nenos xoguen, “unha necesidade e unha aprendizaxe imprescindible para a vida”, engade. No colexio da Capela, hai moitas opcións para os recreos. Todas as que se inclúen no Centro de Interpretación creado no marco do proxecto, un parque no que se poden practicar ata 25 xogos tradicionais diferentes e situado no espazos exteriores do centro.
Os “enredos” están tamén moi presentes no interior da escola, neste caso a través da colección “Brinco”, con pezas distribuidas polas paredes e vitrinas e colocadas por seccións (xoguetes de desprazamento, de lanzamento ou musicais, entre outros).
colección africana
A estes engadíronse hai un par de anos outros douscentos xoguetes, neste caso de orixe africana, cedidos pola axencia de viaxes Cultura Africana, o que permitiu aos rapaces achegarse a outra cultura e formas diferentes de gozar do tempo de lecer. Nese mesmo curso, e con motivo da devandita incorporación, o colexio da Capela participou no “Proxecto Etiopía” xunto a unha ikastola de Barakaldo, un instituto de Flix (Tarragona) e un colexio de Lousa (Portutal).
“Fixemos uns 60 obxectos, como aros, arrastres, damas, pelotas, rodas..., dos que hai unha representación tanto na colección como no patio a disposición dos nenos nos recreos”, explica López.
Na mostra inclúense ademais desde o curso pasado a escolma de xoguetes –uns corenta– elaborados con materiais do medio natural, deseñados e feitos por Manolo García, de Lourenzá. “Agora nós teremos que etiquetalos e tentaremos cos alumnos facer algúns deses enredos cos mesmos materiais”, engade o mestre.
E é que o proxecto “Brinquedos” non semella ter fin. Pola contra, cada novo ano idéanse novas propostas e actividades que permitan, sobre todo, dar vida e uso aos propios xogos. Neste sentido, e dentro da vertente intercultural, o coordinador da proposta ten en mente, de cara ao vindeiro curso, contactar con algunha comunidade africana –como podería ser a caboverdiana existente en Burela– para propoñer a celebración dunha xornada festiva e de convivencia no colexio da Capela cos xogos como protagonistas.
nomes
Mais antes diso, terán lugar outras actividades. Unha delas ten que ver coa denominación das aulas. “Prantexamos a posibilidade de poñer a cada espazo do colexio o nome dun xogo tradicional”, comenta Xabier López. “Pita Cega” ou “Bailaretes” son xa algunhas das propostas.
O proxecto “Brinquedos” do CEIP Mosteiro de Caaveiro da Capela foi merecedor, nestes anos, de diferentes recoñecementos, como os premios Educacompostela ou o concedido polo Diario de Ferrol. Ademais, participou en diferentes actividades de divulgación, como o V Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino celebrado hai catro anos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación en Santiago, onde o centro educativo foi convidado para dar a coñecer a súa iniciativa pioneira.