Fredi Leis | “O primeiro que un aprende cando chega o éxito é a valorar cada pasiño pequeno que vai dando”

Fredi Leis | “O primeiro que un aprende cando chega o éxito é a valorar cada pasiño pequeno que vai dando”
FREDI_LEIS_32725.28

A vida de Fredi Leis cambiou cando no ano 2013 decidiu subir á plataforma SoundCloud unha das cancións que viña compoñendo na intimidade da súa casa. O éxito foi fulgurante e hoxe é un dos artistas máis valorados da escena musical en español.
 
Como dixire o éxito unha persoa que empeza no mundo da música desde abaixo?

O primeiro que aprende é a valorar cada pasiño pequeno que vai dando. Eu empecei tocando co piano e sermos dez persoas nunha sala de concertos de Santiago. O feito de que pasen uns meses e veña o dobre de xente, que logo teñas a oportunidade de tocar cunha banda, etc son pasos que valoro moito, que me animan a seguir. Ver resultados do traballo que fas, ver que todo comeza a fluír mellor, que a xente coñece as túas cancións e que vén aos concertos énchete de ilusión para seguir camiñando. 

Seguir co difícil que é facerse un oco no mundo da música, con artistas consolidados, con traxectorias moi amplas tras de si e con programas de televisión que promocionan polo camiño curto outros cantantes... 

Penso que isto é como todas as cousas. Cando un acaba a escola ou, despois, se vai, a universidade, entra no mundo real. Todos os traballos teñen as súas particularidades e a súa complexidade; todos son complicados. Evidentemente, a música é unha profesión máis atípica e á xente estráñalle ao comezo; tes que romper moitas barreiras e tabús, que a xente do teu redor tamén entenda que é o teu traballo, ao que lle dedicas vinte e catro horas. Ao final é unha ilusión por poder erguerte todos os días e dicir: “Vale, teño a posibilidade de pensar en música, non ter a preocupación de ter que manter dous ou tres traballos”. Isto dáme ganas de querer continuar toda a vida porque é o que me fai feliz: verme no escenario, pecharme no estudio a compoñer é o que máis feliz me fai na vida. 

Como se organiza para, ademais dos directos e das promocións, dedicarlle tanto tempo á creación? 

Pola miña forma de ser e a miña personalidade, eu son moi de estar na casa. Ao longo destes anos fun montando o meu estudio de gravación na casa, co cal paso moitas horas aí metido. A maior parte do tempo o que fago é compoñer, son moitas horas de estudio, co piano diante, buscando arranxos, melodías novas que me emocionen ou me resulten intersantes. Despois, o resto é como máis fluído; o traballo grande, o máis creativo, por dicilo así, xa está feito, co cal o outro –unha promoción, un concerto– é unha cousa máis fluída, máis mecánica. 

Nalgún momento pensou en ser compositor para outros artistas ou sempre tivo claro que tamén interpretaría os seus propios temas? 

Iso mesmo pregunteimo eu, a verdade. Pasei moitos anos en casa, compoñendo só e para min, tocando só para min, como desafogo, como algo necesario despois de vir da universidade e gozar do meu momento favorito do día. O que cambiou iso foi o feito de subir as cancións ás redes sociais. Tomar a decisión de compartilo para ver que pasaba. Despois veu o paso de probar o directo, a sensación de estar riba do escenario. Cando era máis novo, xogaba ao fútbol e non adoitaba meter moitos goles, pero cando metía un, creaba adicción, a sensación é indescriptible, e queres máis, queres meter outro. Pois aquí sucede o mesmo: teño o recordo de probar o escenario por vez primeira, baixarme e decatarme de que me apetecía moito repetir, empatizar, conectar coa xente. Xa sabes que cando vas a un concerto ás veces créase unha maxia moi bonita, tanto sobre o escenario como no público. 

Como viviu ese momento en que ve que a resposta da xente ás cancións que ía colgando nas redes era tan positiva e tan inmediata? 

Foi espectacular. Lembro o momento en que sucedeu, cando subín un tema á plataforma SoundCloud –na que cada vez que alguén preme o “play” conta instantaneamente– e ver como logo de media hora as escoitas subiran unha barbaridade, que se compartían en Facebook e Twitter... O resto veu paso a paso, de forma natural, e procuro gozar destes pequenos momentos.

Fredi Leis | “O primeiro que un aprende cando chega o éxito é a valorar cada pasiño pequeno que vai dando”

Te puede interesar