Suso Soto | “Mentres participemos na Deputación empregarémola para que se acceda aos fondos en igualdade de condicións”

Suso Soto | “Mentres participemos na Deputación empregarémola para que se acceda aos fondos en igualdade de condicións”
Suso Soto, no exterior da Casa do Concello de San Sadurniño, onde exerce como edil de Facenda | d.a.

Jesús Manuel Soto Vivero, Suso Soto, (San Sadurniño, 1976) é deputado provincial polo BNG, responsable das áreas de Contratación, Patrimonio e Equipamento no goberno de coalición PSOE-BNG que dende hai dous anos dirixe a Deputación da Coruña.

Unha das novidades incorporadas neste goberno á Deputación foi o Plan Único, que cambios a nivel de xestión e contratación introduciu?
Unha das teimas do actual grupo de goberno (PSOE-BNG) era modificar as fórmulas caciquís que teñen as Deputacións. O BNG sempre entendeu que unha administración, dende o punto de vista da asignación de fondos económicos, ten que ser igual para todos e sobre todo para os pequenos e medianos concellos, para que poidan converxer económicamente cos máis grandes. Nese sentido o Plan Único é un instrumento máis que válido. Este plan permite eliminar moita burocracia, concrentamente doce ordes de subvencións, e toda a tramitación propia de cada unha delas.

Unha das procuras neste mandato era incrementar os niveis de transparencia no ámbito da contratación provincial. Tras dous anos de mandato que grado de cumprimento se acadou?
Estanse dando pasos importantes en facer máis transparentes todos os procesos administrativos. Temos que ter en conta que as Deputacións son unhas administracións que se quedan moi lonxe do control dos cidadáns e nese sentido poden dar pé a ser utilizadas de forma clientelar e partidista. Historicamente sempre foron empregadas como instrumento de poder político, nós queremos escapar dese tipo de formulacións e estamos introducindo criterios de transparencia nos procesos de contratacións administrativas e para iso incorporamos a Deputación a todas as plataformas estatais de contratación e tamén aprobamos uns pregos moito más claros e beneficiosos para os Concellos.

No ámbito do patrimonio estase a realizar un esforzo na transferencia de competencias como foi o caso do mosteiro de Caaveiro...
Outro dos obxectivos deste goberno é ir baleirando de contidos a Deputación. Baleirar de contidos tamén se refire baleirala dalgúns dos seus bens para que poidan ser xestionados pola administración autonómica e locais. Pero é un obxectivo complicado polo que estamos dando pasos intermedios como é no caso de Caaveiro coa tranferencia do que é a xestión da divulgación cultural deses bens. O ano pasado firmamos un convenio co Concello da Capela por 70.000 euros para que sexa o el o que xestione a atención a visitantes e o programa cultural que se desenvolve. Cremos en que os Concellos son os maiores coñecedores do patrimonio que está asentado no seu territorio e son eles quen mellor poden divulgar a importancia histórica e patrimonial deses bens que é o que pretendemos.
 

Pensa que isto tivo algunha repercusión no incremento do número de visitas rexistrado este ano?
Non era un obxectivo principal incrementar a asistencia en masa a eses bens. O principal era poñelos en valor, así como o seu contido histórico. Concretamente no caso do mosteiro de Caaveiro a importancia que tivo no antigo Reino de Galiza.

En referencia a Caaveiro, hai algún novo proxecto enriba da mesa?
Está previsto levar a cabo dous investimentos importantes. Por unha parte, a construcción dunha senda peonil de madeira tratada dende o mosteiro hacia o pequeno aparcadoiro que hay no camiño que baixa dende A Capela. Na parte de Monfero estamos xestionando unha serie de terreos para facer aparcadoiros porque a día de hoxe na etapa de verán non se pode achegar alí en coche, hai que parar no centro de interpretación da Xunta e dende alí a Deputación ten un servicio de autobuses para chegar ao cenobio. Imos intentar compatibilizar que se poida chegar co coche ate un máximo decente e tamén seguir co servicio de autobuses.

Considera que esta etapa da Deputación mellorou a relacións cos Concellos?
Si, totalmente. É unha relación moito máis aberta, máis transparente e moito máis cercana. Hoxe una alcalde chama ao presidente ou á vicepresidencia e ten unha atención nun moi breve período de tempo. Penso que hai un acercamento aos concellos e sobre todo polas vías que se están levando a cabo para relacionarse con eles. O feito de que cada concello a día 30 de outubro xa sexa coñecedor de canta financiación vai ter por parte da Deputación é xa un adianto moi grande. Esta semana aprobouse o Plan Único de 2018, un plan que incrementa a súa dotación inicial en catro millóns con respecto ao anterior e que os concellos da comarca participan da parte proporcional que lles toca. Eses concellos xa saben que proxectos poden levar a cabo porque xa saben que financiación van ter e polo tanto tamén poden ir preparando os orzamentos con máis antelación.

Falaba antes de adelgazar a Deputación... non semella un obxectivo fácil
Non o é. Un dos retos que nos propoñemos foi a transferencias de viais provinciais aos concellos, en dous anos aínda non demos transferido ningunha aínda que hai un abano delas nas que imos actuar coa vista posta na súa transferencia. O mesmo ocórrenos por exemplo co tema de obras pictóricas. A nosa intención é que os cadros que teñan un certo valor pictórico ou cultural achegalos a aqueles centros museísticos de libre acceso da xente. A Deputación é unha administración moi lenta, cuxos recursos son transferidos do Estado. Para a xente do común o mellor é que non existan Deputacións, se eses cartos que van directos á Deputación que son 160 millóns que lle traspasa directamente o Estado se fai un reparto ano a ano a cada Concello, a Deputación deixa de ter sentido porque ademáis de dous colexios e dos bens patrimoniais, non ten competencias. Pero mentras estén ahí e nós participemos delas o que imos facer é empregalas para que todo o mundo acceda en condicións de igualdade aos fondos económicos que transfira a Deputación. Para outros son instrumentos de poder político e de meter cartos a esgalla en determinados Concellos. Por exemplo na época de Diego Calvo o 25% do orzamento que se lle daba aos concellos facíase mediante subvencións nominativas, esa porcentaxe rebaixámola ao 5%. Estamos intentando establecer unha estructura de reasignación de fondos que vaia ser moi difícil de cambiar no futuro. l

Suso Soto | “Mentres participemos na Deputación empregarémola para que se acceda aos fondos en igualdade de condicións”

Te puede interesar