A Festa do Percebe de Cedeira regresa á escena logo de seis anos de ausencia

A Festa do Percebe de Cedeira regresa á escena logo de seis anos de ausencia
Unha das coleccións mariñas que poderán verse no novo Museo Mares de Cedeira

A Festa do Percebe regresa esta fin de semana ao calendario festivo de Cedeira logo de seis anos de ausencia –a última edición celebrouse en 2009–. A vila mariñeira volverá render tributo ao seu afamado produto cun programa a desenvolver entre as xornadas do sábado e domingo. Faráo, ademais, cunha apretada axenda na que xunto ás degustacións haberá tamén música e outras actividades para os pequenos.
A cita, organizada pola Confraría de Pescadores, repartirá un total de 10.700 racións entre as de percebes (4.500), berberechos (3.200)e arroz con merluza e marisco (3.000), así como como 2.000 botellas viño e outras 9.000 bebidas entre terzos de cervexas, refrescos e augas. Os prezos aínda están por determinar á espera de mercar o produto.
O porto pesqueiro será o centro de referencia dunhas celebracións que arrancarán xa o venres cunha xornada de pesca infantil que dará comezo a partir das cinco de tarde. A inscrición é gratuíta e será preciso facela media hora antes do comezo da proba. Ao remate repartiranse diplomas entre os rapaces.

sábado
A apertura oficial do programa terá lugar ao día seguinte, o sábado, coa apertura dos postos de venda desta décimo quinta edición da Festa do Percebe de Cedeira. O horario de degustación dos productos comprenderá desde as doce de mañá ás doce da noite, tanto o sábado como o domingo, na carpa situada na explanada do porto pesqueiro.
Ás 12.30 horas procederase á inauguración do Museo Mares de Cedeira, situado na pranta baixa da Casa do Pescador. Trátase dunha iniciativa da Asociación Mares que, co apoio do Concello e máis da Confraría, leva tempo traballando na recuperación do patrimonio pesqueiro para a creación da exposición.
A continuación, sobre as 13.00 horas, haberá un pasarrúas a cargo de da Charanga Mekanika pola vila para concluir no porto pesqueiro e amenizar así aos comensais. Durante a tarde, a partir das 17.00 horas, os nenos poderán gozar cos inchables e zona de xogos que serán instalados na praia de Area Longa. A sesión nocturna estará ambientada coa actuación do grupo musical Ban “D” Bolo no Porto Pesqueiro. Dará comezo ás 22.00 horas.

domingo
Ao día seguinte, o domingo, o programa comezará de novo ás doce do mediodía, encargándose neste caso o cuarteto Robaleira de amenizar a degustación gastronómica. A patrona maior da Confraría de Pescadores, Lucía Villar, salientou o interese que a festa está a suscitar entre a poboación, agardando así que a cita rexistre unha gran afluencia de público. Todos os que se animen a pasar por Cedeira poderán gozar da calidade única dun produto que, en palabras da propia Villar, “es el mejor percebe del mundo”.
A colaboración do Concello cedeirés coa celebración da festa pasa por cuestións loxísticas e pola contratación dos grupos musicais.

A Festa do Percebe de Cedeira regresa á escena logo de seis anos de ausencia

Te puede interesar