“Dicía Cunqueiro que a literatura debe saber como o pan acabado de facer”

“Dicía Cunqueiro que a literatura debe saber como o pan acabado de facer”
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-9c76fde9

Antigo artesán do Eume, construtor, mariñeiro, vendedor de enciclopedias médicas e de bebidas na selva de Venezuela, axitador social e vividor son algunhas das almas quen conviven no peito de Luís Maquieira. Outra delas é a de escritor, e ás 20.00 horas de hoxe estará para amosala na Galería Sargadelos. Alí presentará os seus dous últimos traballos, o poemario “Versos del agua” e o libro de relatos “Contos sen importancia”. Canda el estará o poeta Karlotti, o xornalista Nicolás Vidal e os músicos Roger de Flor e Manolo Bacalhau que porán a nota musical ao acto.     

Para quen no o coñeza. Como é a súa literatura?
Dicía Cunqueiro que a boa literatura debe ser saber a pan acabado de facer. A min gústame a palabra espida, directa e concentrada con emocións e sentimentos.

Hoxe dará a coñecer un poemario e un libro de contos. Adiante algo do seu contido.
“Versos del agua” reúne dous libros de poesía ilustrados con acuarelas de Javier Lillo e prólogos de Ánxel Fole e Ánxeles Penas. En canto a “Contos sen importancia”, con debuxos de Manuel Ruibal, é un mangado de relatos nos que verquín moitas anécdotas e sucesos vividos na infancia ou nos últimos tempos. Historias que recrean o mundo rural e sucesos que van do humorístico ao paixonal ou espiritual, de contos de defuntos e fantasmas ou de feitos que amosan que o destino vai escrito no carácter.

No seu caso tamén?
Eu tiven unha mirada rica e variada, aínda que ás veces un tanto complicada.

Na súa familia figuran ilustres persoeiros.
A miña bisavoa era Julia Espín, musa de Bécquer, a quen lle deu “calabazas”. O seu marido foi Benigno Quiroga López Ballesteros,  director xeral da Administración Civil e Intendente das illas Filipinas, que ten rúa en Manila. Meu pai foi o arquitecto Eloy Maquieira, un dos introdutores en Galicia da arquitectura racionalista da Bauhaus. Meu tío, Julio Murúa Quiroga, foi director da Bazán aquí en Ferrol.

E fronte a eles vostede, cunha vida de novela.
Pois sí, na miña infancia coñecín a xente como Luis Pimentel e Ánxel Fole. Percorrín Europa nos anos 50. Marchei a Venezuela nos anos 60, onde fixen de todo, desde vender libros médicos pola selva ata alcohol e bebidas. Regresei a Galicia, montei unha construtora en Lugo cun cento de traballadores e me arruinei na crise dos 90. Merquei un barco de pesca en Sada, fun presidente da asociación de Artesáns do Eume e publiquei varios libros. A verdade é que non teño que mirar lonxe para contar historias.

E nos últimos anos medrou en vostede a loita contra as inxustizas e a simpatía por movementos como o 15M.
Si, e aínda hai pouco o banco quería quedarse coa miña mísera pensión non contributiva, unha canallada que se solucionou. A solidariedade e a xustiza son o noso único camiño nunha sociedade armada para que os privilexiados perpetúen o seu poder a costa de todos. Temos que estar unidos.

Regresará en abril a Ferrol, á Semana da Poesía Salvaxe.
Si, fun convidado polos seus organizadores e teño moitas gañas de participar neste evento ético e literario polo que Ferrol é coñecido ao longo de toda Galicia. E con razón.

“Dicía Cunqueiro que a literatura debe saber como o pan acabado de facer”

Te puede interesar