A XII Semana da Poesía Salvaxe levará o seu espírito “transeúnte e popular” pola cidade ferrolá

Diario de Ferrol-2019-04-24-013-4bb10a37
|

A Semana da Poesía Salvaxe, que ten entre os seus principais impulsores a Guillermo Ferrández e Juan Carlos del Valle “Karlotti”, encara esta semana a súa duodécima edición cun programa que segue a conservar o espírito “transeúnte e popular” co que naceum e que permite durante uns días levar a palabra e os versos por diferentes recunchos da cidade.

Tamén o seu carácter “cosmopolita”, con presenza de autores de diferentes nacionalidades, e unha gran presenza de mulleres. A actividade dará comezo esta tarde, a partir das 18.00 horas, coa tradicional proclama poético-política, que terá lugar no “kiosko da música” do Cantón de Molíns.

Ás 19.30 horas, na Biblioteca central, desenvolverase un recital por parte de Artemisa Semedo e Myriam Niboucha. 

Mañá
Un dos pratos fortes do programa terá lugar mañá xoves, a partir das doce, cun recital coa participación de varios autores no mercado da Magdalena.

Ás 18.00 horas, no Ateneo Ferrolán, será a quenda para Sandra Santos e Raquel Lima, para abrir paso así ao acto que ás 20.00 horas dará comezo no Auditorio de Ferrol coas intervencións do escritor Manuel Rivas e do poeta portugués Nuno Judice. Eugenia Sanmartín, Manolo Bacalhau e Cabe García poñerán a nota musical.

O venres, a poesía voltará á  rúa. Ás 12.00 horas poderá ser escoitada no mercado de Recimil para continuar a partir das 12.30 horas no Inferniño, desta volta cunha sesión cun marcado carácter musical acompañado de varios poetas.

Ás 17.00 horas, baixo o título “Mareando os versos”, os autores subiranse á lancha da ría para gozar dunha nova sesión poética.Logo desta pequena ruta marítima, Estevo Creus e Tamara Andrés darán forma á proposta prevista para ás 19.30 horas no centro cultural Torrente Ballester. 

A Semana da Poesía Salvaxe pechará o telón o sábado coa tradicional sesión vermú e xantar na Fundaçom Artábria.

A XII Semana da Poesía Salvaxe levará o seu espírito “transeúnte e popular” pola cidade ferrolá