Guerreiro ocupa o Torrente co seu realismo poético

Guerreiro ocupa o Torrente co seu realismo poético
xoán manuel guerreiro, na inauguración de onte jorge meis

O pintor Xoán Manuel Guerreiro (Xove, 1956) inaugurou onte a nova mostra do Centro Torrente Ballester que leva por título “Rexistros do silencio”. Trátase da exposición dun dos grandes artistas da pintura realista e figurativa en Galicia que traballou específicamente para esta cita.

Así, 24 das 31 obras presentadas onte vense por vez primeira no centro cultural ferrolán, ocupando tres espazos do Torrente. “Rexistros do silencio” está estruturada en torno aos tres temas principais que compoñen o traballo de Guerreiro: a cidade, o mar e as estacións do tren; temáticas que definiron dende un principio a súa produción e polas que sente grande afinidade. O artista renunciou a presentar a figuración humana e o que se ven son paisaxes naturais ou urbanas que, aínda así, respiran humanidade.

Todo coa habitual técnica fina do artista lucense, chea dun detallismo e precisión semellantes a unha fotografía, como destacou a comisaria da mostra, Sara Donoso, quen vinculou a estética de Guerreiro a artistas clásicos como Vermeer, Velázquez ou Goya, e outros máis contemporáneos como Edward Hopper ou, sobre todo, a Escola Realista de Madrid coa obra de Antonio López como referente.

Xoán Manuel Guerreiro Vázquez é considerado un referente da pintura figurativa en España. A súa carreira conta cun amplo número de exposicións individuais e colectivas, e ademais da obra pictórica ten feito ilustracións para libros, portadas de discos ou intervido na remodelación de igrexas. “Rexistros do silencio”, a última mostra de Xoán Manuel Guerreiro antes de marchar de Galicia, poderá verse no Torrente Ballester ata o 29 de marzo.

 

Guerreiro ocupa o Torrente co seu realismo poético

Te puede interesar