Caldeirada de raia e sardiña lañada no menú festivo deste sábado no Concello de Cariño

Caldeirada de raia e sardiña lañada no menú festivo deste sábado no Concello de Cariño
Imaxe do concello de Cariño jorge meis

En Cariño, as familias peixeiras seguen a gardar baixo chave a receita de elaboración dun dos menús con máis sona neste municipio mariñeiro: as sardiñas lañadas. Precisamente por isto, a festa gastronómica de exaltación co que cada ano o Concello rende tributo ao devandito prato convértese nunha excelente oportunidade para gozar do seu sabor.
A décimo quinta edición da cita terá lugar este sábado, a partir das 13.30 horas, na Praza Roxa do muncipio. Xunto ás sardiñas lañadas, haberá tamén, como vén sendo habitual, caldeirada de raia así como diversos viños galegos.

tickets
A venda de tickets comezará a partir das 12.00 horas na propia praza. As de caldeirada terán un prezo de sete euros, e cinco no caso das sardiñas. Xunto ao xantar, o programa da festa gastronómica –a máis importante do concello– incluirá outras propostas durante todo o día coa finalidade de animar a xornada.
Deste xeito, entre as 11.00 e 13.30 horas, os máis pequenos da casa terán a posibilidade de gozar coas actividades da festa infantil que terá lugar no parque do Concello. Ás 13.00 horas será o turno para o pasarrúas da Banda de Gaitas San Xiao de Trebo e media hora más tarde comezarán a servirse os diferentes produtos.
Ás 16.00 actuará o Trío Ambrossía e xa ás 19.30 horas, Pablo Balseiro achegará a súa música a todos os que decidan secundar a festa.

agradecemento
Desde o Concello de Cariño quixeron agradecer a colaboración da Asociación de Amas de Casa, a Asociación de Amigos de San Xiao do Trebo e da Agrupación Folclórica do mesmo nome. A festa convértese así nunha excelente oportunidade para gozar dos produtos do mar deste municipio do Ortegal.
Os que se achegen a Cariño poderán aproveitar tamén para visitar a II Mostra de Artesanía organizada pola Asociación O Faroleiro e que desde o pasado día 1 de agosto ofrece un amplo abano de artigos no seu local. Alí permanecerá a disposición do público ata o vindeiro 15 de agosto –está aberta de seis á nove da tarde–.

oportunidades
Tamén este sábado terá lugar a oitava edición do Mercado de Oportunidades con gran variedad de produtos á venda e tamén con interesantes descontos. Ata trece establecementos diferentes da vila secundarán unha iniciativa coa que se pretende contribuír á dinamización do comercio da zona. Os postos estarán abertos desde as dez da mañá e ata as nove da noite na explanada da parada de taxis.

Caldeirada de raia e sardiña lañada no menú festivo deste sábado no Concello de Cariño

Te puede interesar