Os alumnos do CEIP Cruceiro de Canido quedan este curso sen o reforzo do PROA

Os alumnos do CEIP Cruceiro de Canido quedan este curso sen o reforzo do PROA
primer día de colegio en el Cruceiro de Canido

O alumnado do CEIP Cruceiro de Canido quedará este curso sen a oportunidade de se beneficiar das clases de apoio e reforzo escolar, de carácter totalmente gratuíto, que desde o ano 2007 viñan ofrecéndose no marco do PROA (Programa de Reforzo, Orientación e Apoio) a unha media de 25 escolares por curso, entón con profesorado externo.
Desde a inclusión en 2011 do devandito plan na modalidade de contratos-programa da actual Consellería de Educación, o colexio seguiu ofrecendo esta actividade de reforzo, pero neste caso da man dos docentes que de xeito voluntario se presentasen para desenvolver as sesións, fóra xa do seu horario lectivo e polas que recibían unhas gratificacións extraordinarias.
Ante a ausencia de voluntarios no curso actual, e dado que a Consellería de Eduación contratou a un total de 95 docentes expresamente para desenvolver esta acción en toda a comunidade, a dirección do centro ferrolán reclamou, sen éxito, a dotación de persoal externo para poder seguir ofertando as clases de apoio.
A Asociación de nais e pais de alumnos “Cruceiro”, pola súa banda, decidiu presentar un escrito no que insta á Consellería de Educación a dotar ao programa “dos recursos necesarios e suficientes para que poida levarse a cabo correctamente sen que o seu desenvolvemento dependa do voluntario, como se de unha ONG se tratase, para que os nosos fillos e fillas poidan desfrutar do seu dereito a unha educación pública de calidade”, apuntaron.
A ANPA entende e apoia totalmente a postura do profesorado do centro que, “sufrindo recorte tras recorte tanto en recursos humanos como materiais, continúa facendo fronte a unha situación de carestía cada día máis acuciante, vendo como lle son denegados apoios e reforzos fundamentais para desenvolver o seu traballo cos nosos fillos e fillas. Entendemos que non se presenten voluntarios para desenvolver este programa fóra da súa xornada laboral, pois nen eles nen as súas familias teñen por que sofrer as consecuencias da mala xestión da Consellería de Educación”, salientan no escrito.
Tal e como explicou a directora do centro, Maravillas Beceiro, os profesores asumiron en 2011  a actividade co obxectivo de evitar a perda do programa, recibindo como contrapartida unhas gratificacións que tildou de irrisorias.

carga
“O persoal está cada vez máis cargado de horas, con moito traballo ademais de apoio para dar resposta á cantidade de nenos con problemas que temos, xa que contamos con pouco persoal especializado de apoio”, lamentou. Beceiro considera así mesmo que é unha pena que desapareza da oferta do colexio un programa que nestes anos tivo, ademais de resultados positivos, unha boa acollida entre as familias e os propios nenos beneficiarios – “aqueles de 3º,4º, 5º e 6º de Primaria de Primaria e de Secundaria que presentan dificultades de aprendizaxe ou con desvantaxe educativa polo contorno sociocultural en que se desenvolve”, tal e como se recolle na convocatoria do PROA–.
No curso actual, na comarca de Ferrolterra son 16 os centros educativos seleccionados pola Consellería de Educación para ofrecer este programa de apoio. Desde a Consellería de Educación informouse que este ano   adxudicáronse docentes externos para a actividade a aqueles centros que xa o tiñan no pasado curso académico.

Os alumnos do CEIP Cruceiro de Canido quedan este curso sen o reforzo do PROA

Te puede interesar