Un grupo de afectados polas participacións preferentes e obrigacións subordinadas do concello de Valdoviño protagonizaron onte ao mediodía unha acción de protesta na oficina principal de Novagalicia Banco naquel municipio.
Ao parecer, estes clientes de NCG Banco non forman parte de ningunha das dúas plataformas constituídas na comarca –Apres Ferrolterra e Paps Rías Altas– e veñen mobilizándose desde hai meses, non só en Valdoviño senón tamén nas oficinas de Santa Mariña, Galiano e O Inferniño, en Ferrol.
Onte, como noutras moitas ocasións, entraron na oficina co obxecto de entorpecer o funcionamento das ventanillas de atención ao público realizando pequenas e numerosas operacións. Ao parecer, segundo relatou un dos afectados, o director da sucursal, tras intentar atendelos nun despacho para evitar que se formasen colas e rexeitar estes esta posibilidade, decidiu chamar á Garda Civil, que, como xa se sabe, ten cuartel no concello, e acudiu decontado.
Logo de falar cos preferentistas en presenza do propio responsable da oficina, os axentes da Benemérita abandonaron o lugar porque, explicou un dos protagonistas da protesta, non viron nada anormal nin supostamente irregular na súa actuación.
Máis protestas
Non é esta a primeira nin tampouco será a última protesta que este grupo de clientes de Novagalicia Banco se mobilice para reclamar a devolución íntegra dos seus aforros.