A XXVI Festa do Requeixo da Capela incrementa nesta edición as súas actividades

festa do Requeixo A Capela
|

A celebración máis esgrevia do ano na Capela, a festa do Requeixo, cumpre este domingo a súa XXVI edición. Farao cunha completa programación festiva que se adianta xa ao día de hoxe no restaurante Casa Pepe das Neves. Alí celébrase o X concurso de receitas con requeixo que como cada ano terá dúas especialidades: salgadas e doces. Unha competición gastronómica que terá como premio en cada categoría un vale de compra en supermercados Gadis e unha cea para dúas persoas no restaurante Casa Pepe, así como un lote de produtos para os segundos clasificados.
En canto á festa do domingo, na que se repartirán unhas 7000 tarrinas de produto, comezará ás 11.00 horas coa apertura das exposicións de artesanía, manualidades e agrícola amenizada pola banda de gaitas Airiños de Fene. Ás 13.30 horas levarase a cabo o pregón da festa, a cargo do humorista gráfico e artista Siro López, e actuará a Banda de Balbina. Nese momento comezará o reparto das tarrinas de requeixo, que os comensais poderán na tenda de produtos locais (pan, queixo, mel, empanada, etc.). Paralelamente haberá unha mostra de artesanía de Buño e xogos para os pequenos.
Ás 16.00 horas comezarán as actuacións musicais con Cé Orquestra Pantasma. Ás 18.00 horas celebrarase a actuación do grupo Airiños do Frade, seguida da charanga Vai de Baile. Para culminar a festa a partir das 20.30 horas coa actuación da orquesta Gallaecia Big Band, unha formación composta de 13 músicos curtidos no jazz e os vocalistas Paty Lesta e Sergio Zearreta, acompañados do produtor Sito Sedes e o actor Luis Iglesia (“Matalobos”) na súa faceta musical. Fontes da organización confían en que o bo tempo lles leve a superar as 4.000 persoas da pasada edición.

A XXVI Festa do Requeixo da Capela incrementa nesta edición as súas actividades