Paula Carballeira: “Eu son moi do libro de papel porque fai compaña”

Paula Carballeira: “Eu son moi do libro de papel porque fai compaña”
inaguración feria del libro ferrol

Paula Carballeira inaugurou onte a Feira do Libro de Ferrol na praza da Constitución cun pregón ancorado en tres autoras: a galega Gloria Sánchez, a Nobel polaca Wislawa Szymborska e a Sherezade das mil e unha noites, “a mellor contadora de contos de toda a historia e unha das antoloxías de contos máis antiga que existe”, explicou. O medo e o humor estiveron no cerne dunha intervención participativa que comezou reivindicando a educación, a sanidade e a cultura para todos e tamén explicando os seus gustos ante a chegada do dixital. “Eu son moi do libro de papel porque te vai acompañando ó longo da túa vida e queres telos contigo”. Tamén falou da lectura como dun pracer que “nos fai mellores persoas”.
A parte máis institucional da apertura da feira, que estará instalada ata o domingo, correspondeulles ó secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; á concelleira de Educación, Susana Martínez; e ó vicepresidente da Federación de Libreiros, Xosé Antón Pedreira. Este último imaxinou un paseo pola cidade en diálogo con Díaz Castro, para atopar en Amboage dialogando a Concepción Arenal, Torrente Ballester, Juan Farias e Carvalho Calero ou camiñando polas rúas a ducias de autores vencellados a Ferrol. Falou da loita por manter as librarías e agradeceu o apoio institucional “en tempos de crise e insensibilidade cultural”.
Susana Martínez destacou sobre todo a Carvalho Calero, a quen se lle dedica estes días unha exposición na Fundación Novacaixagalicia, e volveu pedir que se lle dedique o Día das Letras Galegas.
Anxo Lorenzo centrouse na importancia do libro e da lectura nas políticas culturais e referiuse a un futuro “inmediato” de convivencia cos formatos dixitais. “Entre todos seremos capaces de buscar eses novos rumbos que necesita o sector do libro. O dixital chega para quedar pero para poder convivir cos outros formatos impresos. Temos que ser capaces de imaxinar ese futuro e as librarías van desempeñar un papel fundamental”.
Tódalas intervencións estiveron traducidas á linguaxe de signos.

escritores
As propostas culturais na Feira comezaron xa ás 17.30 horas coa música do coro Toxos e Froles. Durante a tarde estiveron asinando libros nas casetas Ramón Loureiro e Antonio Seijas (en Nobel), Antón Losada (Central Librera) e Carlos de Vilanova (libraría Day). Ademais ás oito Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega, xunto co editor Manuel Bragado, presentaron o libro “Pedro Petouto. Traballos e cavilacións dun mestre subversivo”.
Unha das propostas máis relevantes de hoxe é o recital conxunto que darán diversas autoras ferrolás ás sete da tarde. Unha hora despois presentarase un libro sobre o esgotamento dos recursos enerxéticos. Nas casetas firmarán Guillermo Llorca, Manuel José Díaz Vázquez, María Sande, Natalio Gómez e Carlos Agulló. A narradora Fátima Fernández encargarase de divertir ós pequenos co contacontos “Érase una vez un zapato”.
Precisamente para os nenos hai un espazo reservado na Feira, unha biblioteca na que poder ler e xogar. Tamén este ano se repite cunha caseta outlet, que se suma ás outras oito de librarías e editoriais que participan nunha iniciativa que chega ás súas vodas de prata. Abre de 11.00 a 14.00 e de 17.30 a 21.30 horas. Os libros que se venden teñen un desconto do 10%. n

Paula Carballeira: “Eu son moi do libro de papel porque fai compaña”

Te puede interesar