Entre 150 e 170 artistas confirman a súa presenza nas Meninas de Canido

Entre 150 e 170 artistas confirman a súa presenza nas Meninas de Canido
O barrio volverase encher co célebre motivo velazqueño jorge meis


Durante a fin de semana non se falará doutra cousa en Canido que das Meninas. Entre 150 e 170 artistas de toda España estarán o sábado pintando e participando nas numerosas actividades abertas ao público nun barrio que se volverá transformar decorativamente co célebre motivo de Velázquez.
Pintores, escultores, fotógrafos, bailarines ou músicos, entre outros creadores, participan nesta gran festa que reivindica a Canido e pon en valor os seus edificios. O domingo a actividade será menos lúdica e máis de traballo para aqueles artistas que non deron rematado o seu labor durante o sábado.
A cita que ten no artista Eduardo Hermida ao seu motor superaba onte os 3.000 euros aos que aspiraba na plataforma de micromecenazgo Verkami. Esa cantidade será para fornecer de material aos creadores participantes.

programación
Así, o programa de actividades do sábado principia ás 9.00 horas coa recepción dos artistas e o comezo da intervención pictórica. Ás 10.00 horas comezará a soar a música coa formación de folk Berros do Castro. No parque Urbis haberá música ambiente con diferentes formacións, comezando con Autómatas Beat, e seguindo cos “cempés” Óscar Fernández e Antón Varela, e Pulpiño Viascón. Ás 12.30 chegará a música clásica da man do Trío Allegro.
No escenario do Cruceiro de Canido actuará ás 13.00 horas o cantautor local Al Vila. Ás 13.30 horas La Dolorosa Compañía interpretará un repertorio inzado de coplas e boleros.
Xa pola tarde, ás 18.30 horas, a compañía de danza Allegro executará a coreografía da popular obra “Cats”. A música regresa ás 19.00 horas da man do grupo Balakandra, con Martín Sanjurjo e Manolo Dopico á cabeza. Ás 20.30 horas regresa La Dolorosa Compañía coa súa música tradicional española, e media hora máis tarde haberá un espectáculo de danza contemporánea protagonizado por Cristina Montero e Ruth Balbís.
Continuará no Cruceiro de Canido a música ás 22.30 horas con Os Revenidos, seguindo desde ás 23.45 cunha sesión de pinchadiscos a cargo de Neno DJ, Autómatas Beat e Marcus Devildog.
Paralelamente, no parque de  Urbis, regresa a actividade desde as 22.30 horas con proxeccións de fotografías de Jorge Meis, Vari Caramés, Alberto García Alix, Antonio Segura León, Ángel Manso, Kiko Delgado, César Toimil, Pablo López Hernández ou Lucas Blanco, entre outros. Tamén haberá unha presentación das curtametraxes “A Rampla”, escrita e dirixida por Juan Ares con música de Carlos Mosquera, e “Os Pioghosos”, de Cuerda Floja Producciones.
Toda esta programación variada levarase a cabo mentres nas fachadas das casas do barrio de Canido ducias de pintores recrean á célebre criada real que segue a deixar unha fonda pegada no barrio ferrolán.

Entre 150 e 170 artistas confirman a súa presenza nas Meninas de Canido

Te puede interesar