María Barcala: “Irene foi un reto pero sei que me vai dar moito gozo no escenario”

María Barcala: “Irene foi un reto pero sei que me vai dar moito gozo no escenario”
o elenco da obra que hoxe se estrea no pazo da cultura naronã©s

Teatro do Atlántico volve escoller Narón para a estrea absoluta da produción coa que xirarán esta tempada, “A charca inútil”. Verase por primeira vez esta tarde, ás 20.30 horas, e poderase volver gozar mañá sábado, ás 20.00 (entradas a nove euros). “Para nós é un pracer porque nos sentimos moi ben tratados polo Concello e pola xente do Padroado, estamos como na casa e non podemos estar máis que agradecidos”, comenta María Barcala, protagonista, con Gonzalo Uriarte e Marcos Vieitez desta peza dirixida por Xúlio Lago. Tamén están moi arroupados por “un público fiel”, reflexo “dun concello que leva moitos anos facendo unha programación continuada e de calidade”.
“A charca inútil”, un texto de David Desola co que gañou o Premio Lope de Vega en 2007, leva un tempo no caixón de Teatro do Atlántico, e este ano atoparon o momento propicio para poñelo en escea. “O director di que ten o reparto ideal e ademais neste momento, en que as circunstancias teatrais en Galicia son moi agresivas e a distribución está sendo moi raquítica, hai que ser realistas”.
O traballo de Desola “é magnífico” e, de feito, é a cuarta montaxe que se fai en toda España, pese ó recente da obra. “É unha peza moi fermosa en canto ós mundos de que el fala, os personaxes son xente de hoxe en día e toma dous casos acontecidos en España que non queremos desvelar pero que son brutais, no senso de tomar as vidas dos seres humanos como espectáculo, sobre todo na televisión. Así como pode ser un medio marabilloso ten tamén unha parte moi agresiva, terrible, e os casos destas persoas foron retransmitidos, espallados, entrando na súa zona máis íntima”, explica Barcala.
“A charca inútil” é, segundo o autor, “un drama ó cadrado”, pero tamén “permite respirar ó espectador”, apunta a actriz protagonista. “É un espectáculo moi tenro, moi difícil de montar e de interpretar, porque temos que estar coas pilas postas todo o tempo, pero moi fermoso”.
Respecto do seu personaxe, María Barcala amosa a súa admiración por unha muller “cunha circunstancia vital moi difícil, pero que loita pola súa felicidade”. É un elemento común ós tres, “son xente que non se deixa afundir polos acontecementos, aínda que ás veces iso léveos á loucura para sobrevivir ás circunstancias”. Por exemplo, “Irene créase un mundo para poder sobrevivir ós momentos difíciles en que a vida a colocou. Foi un reto para min pero estou segura de que vai ser un personaxe que me vai dar moito gozo no escenario”.

María Barcala: “Irene foi un reto pero sei que me vai dar moito gozo no escenario”

Te puede interesar