“Aquí hai un goberno que lle está pegando patadas abertamente á nosa lingua”

“Aquí hai un goberno que lle está pegando patadas abertamente á nosa lingua”
SES presentará o seu novo disco “Opoñerse á extinción”

Desde cativa, a María Xosé Silvar, SES, a música que lle chegou ao corazón foi “esa que canta as verdades, a realidade, o que está a pasar, o que é obvio”. A influencia do seu avó, un mugardés “voraz consumidor de música” que ademais axudou a criala ao quedar orfa de pai moi pequena, foi sen dúbida clave na paixón desta cantautora nada na Coruña hai 34 anos pola canción de amor e de denuncia social. Inconformista por natureza, excesivamente inquieta, traballadora “pola educación que recibín” e “moi intensa”, como ela mesma se recoñece, a súa conciencia crítica, fundamentada nun cúmulo de circunstancias, viviu un punto de inflexión “o día que escoitei a canción ‘A desalambrar’ de Víctor Jara na que di ‘Yo pregunto a los presentes si no se han puesto a pensar que esta tierra es de nosotros y no del que tenga más’”, salienta.
Todo isto nun tempo no que a María Xosé Silvar, á que xa lle gustaba inventar cancións, non se lle pasaba pola cabeza iso de ser cantante. “Isto chegou por casualidade”, di. Desde entón, catro discos avalan a súa traxectoria. O último, “Opoñerse á extinción”.
O título é a síntese da actitude que amosa o disco. “A honestidade, a lucidez e tamén a rabia de sabermos en vías de desaparición inminente e inxusta, mais coa forza, o orgullo e o vitalismo de quen non asume o autoodio que tentan inculcarlle. Creo que é un traballo humilde, sincero e profundamente namorado da cultura á que pertence. É un disco de amor”, apunta.

concerto
Once temas que esta mesma tarde, a partir das 20.00 horas, soarán no Pazo da Cultura de Narón nun concerto que encherá o aforo deste enorme contenedor cultural, cun auditorio de 900 prazas. “Será un espectáculo moi parecido ao de sempre, moi intenso, creo que se caracteriza por ser especialmente intenso en relación aos meus concertos de sempre”, avanza SÉS. E é que a diferencia dos anteriores traballos, este saíu ao mercado con máis marxe de tempo con respecto ao inicio da xira, “polo que moita xente xa se sabe moitas cancións”, comenta.
Precisamente coa finalidade de achegar o disco ao público ferrolán, hai unhas semanas a cantante visitou a cidade naval para participar nunha firma de discos na Vella Fábrica de Lapis.
SÉS aterrará mañá en Narón logo de esgotar as entradas nos dous directos celebrados a finais de ano no Teatro Rosalía da Coruña. “A min o que mais ilusión me fai é que a xente queira vir  aos concertos; eu sempre digo que se non fose así dexaría de cantar”, manifesta.
O seu novo traballo segue a liña do seu inconfundible estilo, cunha onda ecléctica que vai do rock ao blues pasando pola canción de autor latinoamericana, pero atrevéndose desta volta con novas sonoridades e deixando máis espazo para a cantareira que hai no seu interior.
Non falta tampouco un elemento clave da súa personalidade como artista, a denuncia social e a crítica contra o establecido, letras que xorden do seu propio día a día nunha sociedade ateigada de inxustizas, lamenta.
“Eu son unha persoa moi permeable. E sempre digo que son moi intensa, dun xeito case ridículo para os tempos que corren, porque como que agora a moda é esa frivolidade, e eu non son así, son intensa, unha tía á que lle afectan as cousas e que sinte moita rabia ante impunidade dos dirixentes políticos, da xente que está maltratando ao pobo que realmente é o que lles da de comer, e aquí non pasa absolutamente nada. Vexo, por exemplo, moita condescendencia no sector musical e iso dóeme motísimo”, espeta.
Unha actitude que, ao seu xuízo, pode ter que ver co medo ou a comodidade. “Eu penso que a xente non quere molestar… Neste país estamos gobernados pola dereita e a xente ten medo a posicionarse, porque eu penso que ten medo a ser vetado, porque iso actualmente aínda pasa. De min din moitas veces que sempre estou protestando, que se fago mitins, e iso enfádame moito, porque eu non dou mitins, eu digo o que penso en calidade de cidadá que paga os seus impostos, tributa e que está sufrindo igual que moitas outras personas, por exemplo, a situación da sanidade pública”, salienta.

galego
Tamén sofre, e moito, pola situación da lingua galega, na que ela fala e canta. “Co goberno que temos véxolle un futuro moi malo. Estamos caendo a pique. Escoitei hai nada que están morrendo 14 linguas máis ou menos ao ano no mundo. Iso de que as linguas non morren non sei de onde o saca a xente pero a min faime bastante gracia. Hai un dato innegable, que é evidente, que unha lingua que non falan os nenos é unha lingua que morre, e non hai máis. E cada vez que morre unha lingua morre unha cultura con ela”, asevera. “Aquí hai un goberno que lle está pegando patadas abertamente á lingua e eu dígoo abertamente, pero isto non é o habitual. Se os grupos estiveran defendendo o galego nos escenarios, se iso fora xeral, ninguén diría que eu dou mitins”, engade. 
SÉS estará acompañada esta tarde no Pazo naronés dos seus músicos habituais nos directos: Tito Calviño (guitarra), Fernando Fraga (baixo), Lorena “Cachito” Martín (batería), Lucía Cela, Lucía Souti e Lucía Insua (coros) e Chicho Cordero (percusións). n

“Aquí hai un goberno que lle está pegando patadas abertamente á nosa lingua”

Te puede interesar