Fernando Dopico desvela as claves de cando Ferrol era unha aldea medieval

Fernando Dopico desvela as claves de cando Ferrol era unha aldea medieval
Real Coro Toxos e Froles no que presentarán documentación antiga sobre o coro

Ferrol non naceu da nada por una decisión borbónica no século XVIII. Aínda que unha vila mariñeira, as súas orixes están a finais do século XII e comezos do século XIII como unha vila de reguengo, dependente tamén do rei. Para afondar nestas orixes e explicar a evolución ata o século  XVI o filólogo e investigador histórico Fernando Dopico pronunciará unha charla para a nova pero activa asociación Ferrolterra Antiga, unha entidade que se propón divulgar a historia local. Ademais faino desde lugares pouco habituais porque a charla de hoxe ás 20.00 horas levarase a cabo no local “Las siete tapas”, fronte á Casa do Mar, na estrada alta do Porto.
Dopico, que pronunciará a súa charla –duns 40 minutos– comentando imaxes en formato power point, sinala que a conferencia “naceu dunha proposta da asociación Ferrolterra Antiga a partir dun artigo que apareceu no libro colectivo ‘Homenaxe a Ferrol Vello’ o mes pasado”. O investigador tamén se mostra divertido por pronunciar a charla nun bar. “Non é un fenómeno novo o de gañar espazos fóra do ámbito académico ou máis institucional. Creo que este tipo de iniciativas de divulgación histórica deben ir buscar á xente alí onde estea”.

na baixa idade media 
En canto á conferencia en si, “A vila de Ferrol no transcorrer da baixa idade media (séculos XIII e XVI)”, Dopico insiste nun punto. “Para falar destes temas hai que centrarse en cal era a situación social, económica e política entre o século XII e XVI en xeral do Reino de Galicia, e non atender só ao local. Ferrol era unha vila de reguengo que naceu nesa época porque era un tempo, os reinados de  Fernando II e Alfonso IX, no que se fundaron  moitas vilas por todo o reino. Unha época na que comeza a funcionar o porto marítimo ao que se lle dá permiso no ano 1265, e incluso no ano 1286 temos un porto baleeiro en Prioriño”. 
Dopico insiste en que a documentación e os textos son as claves dunha información, en moitos casos nova. A súa proposta terá tres eixos, o institucional, o económico e o fiscal. 
“O estudo do aspecto institucional, a municipalidade no Ferrol da época ata o século XVI, dá moita información. Por exemplo, ata a década de 1520 Ferrol non tivo alcaldes. Tamén o dá o aspecto fiscal, un tema no que me axudou moito a profesora Amparo Rubia, con datos desde o século XII ata o XVI. Aí poden verse o número de veciños, que hai que calcular porque entón non eran os habitantes, xa que só se contaba o cabeza de familia. Neste caso tamén houbo vaivéns, xa que a mediados do século XVI houbo un gran incendio en Ferrol, que por aquel entón tiña uns mil habitantes, e ata finais do século non se recupera, xa ata 1590 coa chegada a Ferrol da Real Armada e da creación dos castelos da ría”.
Como é habitual, tamén o aspecto económico será destacado polo investigador. “Na baixa idade media no tema económico era clave a actividade marítima. Había moita exportación de peixe salgado e viño aos portos do norte de Europa. Aínda que Ferrol non fose unha potencia, si era un porto importante con moitos contactos comerciais e moito movemento de naos. Iso perderase tralo descubrimento de América, cando o interese da coroa diríxese a aquel continente e as naves galegas deixan de comerciar con Europa e inician unha etapa de decadencia”.  

Fernando Dopico desvela as claves de cando Ferrol era unha aldea medieval

Te puede interesar