A ditadura militar (CI)

A ditadura militar (CI)
Primeira plana d’A Nosa Terra, con rasuras da censura

Mentres a Irmandade da Fala coruñesa andaba coa campaña a prol da posta en marcha das “Escolas do Insiño Galego”, o 13 de setembro de 1923 o xeneral Primo de Rivera, en connivencia co rei Alfonso XIII, daba un golpe de Estado e implantaba unha ditadura militar.
A Nosa Terra, no número de 1º de outubro, o primeiro que apareceu após o suceso, publicaba o artigo editorial “Do momento autual / Renovación”, que comezaba dicindo que os militares se fixeran donos de España “e botaron á todol-s políticos que constituían os Gobernos do desgoberno”, feito que, en principio, lles semellaba positivo: “Esto solo, é unha boa acción dina de louvanza. Nós, que decote combatimos a noxenta politiquería, que laboramos por espertar a concencia cidadá e derrubar o caciquismo que impedía o progreso do país, temos que ver con simpatía ese xesto que coidamos ben feitor porque vai contra as ruíns cobizas persoalistas dos gobernantes, contra as torpezas adeministrativas, contra os fracasos lexislativos que combatimos sempre”. Entendían que nas declaracións do xefe do movemento se podía entrever que podía haber unha descentralización administrativa; que se admitía “como non podía menos de soceder, o uso dos idiomas rexionaes; ou que se suprimirían as Deputacións provinciais, o que supuña “un adianto das nosas ideas e das comenencias do noso pobo”. Naturalmente, entendían que era moi pronto para xulgar con criterio e querían deixar constancia de que “non podemos tampouco nos poñer por enteiro da banda dos renovadores porque o seu mesmo caracter de xefes militares que impoñen un criterio e unha autuación determinada pol-a forza das armas fainos temer un autoritarismo que poidera facer que se trocase en perxudicial un movemento, unha renovación, que escomeza ben”.
En termos semellantes expresábase Víctor Casas no artigo “Cousas”, nas páxinas deste mesmo número de outubro: “D’un xeito venébolo, máis venébolo do que merescían, foron botados do Poder os que o viñan ocupando sen a aquiescencia do pais e laborando a seu antoxo para se servir somentes a eles e aos seus amigos. Con eles despareceron para sempre os políticos de oficio”. Entendía que se trocaran as cousas pois que “os que hoxe gobernan teñen prometido ao país unha gobernación mais xusta atendendo nada mais que ao interés do propio pobo”. Manifestaba, tamén, que “Non é ainda hora de xusgar de ha de ser ou non certo”, mais acreditaba en que “Pol-o de pronto temos conquerido xá o acabamento das oligarquías caciquís”.
Xa que logo, o boletín irmandiño que en todos os números a partir do do 1º de outubro leva o recadro “Este número de ‘A Nosa Terra’ foi sometido á censura”- continuou coa súa dinámica de captación de axudas para botar a andar as súas escolas e coa introdución nas súas páxinas dos pequenos chamados propagandísticos que comezara a publicar cando apareceran as “Bases”. No propio boletín de outubro viron a luz estes:
“A cultura fai os pobos libres. Axudando as ‘Escolas do Insino Galego’ traballades pol-a libertade da Patria”.
“As ‘Escolas do Insino Galego’ á par que unha cultura xeneral darán aos homes de mañán unha Patria de que agora carecen”.
“Nas escolas en que se prohibe aos nenos falar no idioma da Terra mátase o sentimento da Patria e incúlcase nos alunos o desprecio á propia persoalidade”.
“As ‘Escolas do Insino Galego’ tenden a facer homes e non parias”. Nesa liña, o seguinte número d’A Nosa Terra, aparecido o 1º de novembro, dado que o boletín pasou a ter periodicidade mensual, publicou o solto “As Escolas da Irmandade”:
“Vai por bon camiño a creación das Escolas para nenos que esta Irmandade fai mentes de estabrecer no seu amplio local.
O ano 1924 comezaba co cambio de texto e de ubicación do anuncio de que os números foran visados pola censura. O recadro que antes figuraba ao final dos números, xusto enriba do pé de imprenta, pasou á parte baixa da primeira plana: “Este número foi sometido á censura militar” ao tempo que empezaron a aparecer as primeiras rasuras. A forma e a extensión dalgúns destes riscos lévanme a pensar que o que non se pode ler son eses pequenos textos propagandísticos da necesidade das Escolas do Insiño.
Non obstante, no número correspondente ao 1º de febreiro, figuran dous textos referidos ao tema. O primeiro, “Fomentando o insiño / As Escolas da Irmandade”, xira ao redor do que se entende que podería ser a política lingüística do directorio militar:
“O xefe do autual Goberno ten dito en varias ocasiós que se robustecería a persoalidade das rexiós e que habería respeto para as linguas rexionaes.
Así o creimos sempre, non sô por ser unha cousa xusta senón tamén por ser indispensabre. E un feito que a maioría da xente en Cataluña, Galicia e Basconia non falan castelán, como tampouco o falan en Andalucía, inda que os andaluces non teñan tampouco o que se chame un idioma propio, como os anteriores. Non é, pois doado facer que de pronto, por cumprir c’un mandato, todos eses milleiros de persoas rompan a falar nunha forma allea á eles, ao que os seus pais lles ensinaron, ao que a mesma natureza lles dispuxo que falasen. É lóxico, é xusto, que haxa respeto para eses idiomas que veñen de séculos, que son a expresión d’aqueles pobos que deben merecer aos demais os mesmos dereitos e os mesmos respetos que queren para si.
Así o pregoa tamén a Real orden do 21 de Nadal pubricada na ‘Gaceta’ do 29 que no seu preámbulo dí: ‘Considerando que no existe ninguna disposición que prohiba en el orden privado la enseñanza de dialectos o lenguas regionales, por lo que sin incluirla en los establecimientos docentes oficiales pueda considerarse su enseñanza y práctica particular’.
Pol-o tanto nas ‘Escolas do Insiño Galego» temos perfeitisimo dereito á cultivar o noso idioma, que tantos froitos leva dado xa na nosa literatura, e que tantos ainda pode dar.
Pol-o demais, xa é sabido que, nas escolas, que axiña se abrirán, faráse o insiño no idioma hespañol, pois entendemos que mellor é saber dous idiomas que un sô, e que pol-o de hoxe para o estudo é indispensabre facelo así, inda que tamén por ser necesario faranse algunhas espricaciós en galego para que os nenos poidan comprender mellor as cousas”.
A Real Orde á que se refire tiña que ver cunha consulta feita polo reitor da Universidade de Barcelona acerca de se se podería seguir impartindo na Escola Normal de Mestras de Lleida a clase libre gratuita de Gramática catalana. O que reproduce en cursiva este artigo do boletín irmandiño era o segundo dos dous considerandos que se recollen na citada Real Orde. O primeiro referíase a que nos Centros de ensino oficial sostidos polo Estado, a Provincia ou o Municipio non era admisible que existisen outras disciplinas que aquelas que se consignasen nos respectivos planos de estudo. Con base niso a disposición real no caso da consulta dicía que ningún Centro docente oficial podía autorizar o ensino de disciplinas que non estivesen incluídas no plano de estudos previamente aprobado pola Superioridade. Xa que logo, se a gramática catalana figuraba nos planos non habería problema para impartila.
Os parágrafos finais do artigo están dedicados a dar conta con grande optimismo, dos pasos que se estaban a dar para poñer definitivamente en marcha as aulas:
“Van por tan bon camiño as xestiós do Comité fundador d’istas Escolas, que xa encarregou o utensilio perciso para as mesmas, e si como é d’agardar, todol-os galegos que levan o patriotismo mais arraigado que nos beizos acuden a iscribirse como socios protectores, axiña inauguraremos as primeiras crases”.
Como remate, incluíase a segunda relación de protectores ao tempo que se facía un chamado aos indecisos para que axudasen “na patriótica obra de matal-o analfabetismo en Galicia”, máxime se se tiña en conta que “a cuota mínima mensual é inferior ao valor de catro cigarrillos diarios que han de se trocare en fume”. Nesa relación de 16 persoas, ademais da cota de 25 pesetas de Portela Valladares, residente en Barcelona, chama sobre todo a atención a presenza doutros tres protectores afincados en Cataluña e, como non, a de Vicente Risco, o xefe supremo da ING, cunha cota de 2 pesetas.

A ditadura militar (CI)

Te puede interesar