A Fundación Artabria continúa este mes os actos do seu 15 aniversario

A Fundación Artabria está mergullada este mes nos actos para celebrar o seu 15 aniversario. Así, trala actuación de onte do Mago Fiz, a seguinte actividade na súa sede de Esteiro (Travesía de Batallóns, 7) será o xoves 17 coa presentación do novo libro da escritora Teresa Moure “Eu violei o lobo feroz”. Este libro é o primeiro que a prestixiosa escritora monfortina publica na grafía lusista que vén de adoptar. Ao día seguinte, o venres 18 de outubro, ás 22.30 horas actúa desde a comarca de Trasancos o grupo de ska Tardepiache. A entrada é de balde. O sábado 19 celebrarase unha intensa foliada aberta ao público na que participarán os grupos Ferozes da Galgueira, Xente Nova e Alén de Ancos. O sábado 26 de outubro haberá unha cea e as actividades do aniversario rematan na noite do Samaín cun obradoiro de cabazas, liscos e castañas, así como coa actuación do contacontos Raulinsteim do Metal.

cursos
Por outra banda, a asociación cultural abre o prazo de inscrición para os cursos de actividades. Ofértanse danza tradicional, pandeireta, gaita, solfexo e piano, ioga e danza urbana. O prezo será de 10 euros mensuais para socios, 12 para quen non o sexa  e 5 euros para desempregados, sexan ou non socios. A partir da segunda matrícula haberá unha rebaixa do 25%. Ademais destes cursos quen queira pode apuntarse de balde ao clube de calceta da entidade.
As persoas interesadas deberán pasar este mes polo local social, chamar ao número 635 074 071 ou solicitar información no correo electrónico correiodeartabria@gmail.com.

A Fundación Artabria continúa este mes os actos do seu 15 aniversario

Te puede interesar